Onte coñecíamos o programa da CoruñArt, e hoxe damos conta do FIGA, refrendando o papel da cidade herculina como promotora de iniciativas culturais.
Falamos do III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará no Espacio Avenida da Coruña e en Cantones Cines entre os días 5 e 7 de novembro. Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, terá como temática central a diversidade do audiovisual.
O programa abordará cuestións como a representación diversa, a igualdade de xénero, a inclusión de persoas con discapacidade, e novas perspectivas na produción e no casting.
Durante tres días, FIGA converterase nun espazo de encontro e reflexión colectiva arredor dos retos que supón construír un audiovisual máis plural e inclusivo. Os contidos están programados pola xestora cultural Salima Jirari, especializada en diversidade, igualdade e inclusión, asesora de proxectos en desenvolvemento con perspectiva de xénero, diversidade e interseccionalidade.
O programa combina proxeccións de curtametraxes e longametraxes, mesas redondas e ponencias, nas que destacadas voces do sector galego e estatal compartirán experiencias e boas prácticas. Entre os asistentes confirmados figuran profesionais como Nati Juncal, Bea Saiáns, Miguel Canalejo, Xiana do Teixeiro, Eva Libertad, Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Charli Bujosa, Laura Galán, Kathy Sey ou propia Salima Jirari.
A creadora e performer interdisciplinar Nuria Vil será a encargada de conducir o acto inaugural do FIGA e de presentar o seu espectáculo Flúor significa escuridade, unha peza escénica que combina performance, poesía e música electrónica.
Entradas
As entradas para asistir ao foro terán un custo de 5 euros diarios en concepto de reserva de praza, que deberán aboarse ao completar o formulario de inscrición. Esta cantidade actúa como garantía de asistencia e será devolta integramente ás persoas que finalmente acudan ao evento. O formulario de inscrición está dispoñible desde hoxe na web da Academia Galega do Audiovisual (www.academiagalegadoaudiovisual.gal).
O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración de ABANCA.
Máis novas
A actriz herculina Lucía Veiga, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual
A Coruña ponse de cine: Do Festival Lóstrego a un “cancelado” Intersección