Hoxe, martes 5 de novembro, arrinca unha nova edición do Festigual, ese festival que demostra que a cultura pode ser un punto de encontro entre persoas e realidades diversas. A cidade encherase ata o 28 deste mes de voces, corpos e miradas que lembran que a arte tamén é coidado e comunidade, convertindo á cultura nun elemento de inclusión.
O Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade da Fundación Emalcsa traerá unha programación de balde e accesible chea música, teatro, danza e cinema, que se repartirán por distintos espazos da cidade.
Espírito de rúa

Hoxe, martes 5 de novembro, o Teatro Colón acollerá esta gala inaugural, presentada por Fran Rei e Corina Alfonso, e que contará coas actuacións de Sophie Simonds, Kreze, Manu New Orleans Band, Mago Teto e a Asociación Cultural AÏS. A cita trasladará ao escenario o espírito musical da rúa, recoñecendo o talento cotián que enche de vida as prazas e avenidas da cidade. A función comezará ás 20:30 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade, contando ademais con interpretación en lingua de signos.
Teatro e cine no Fórum
O venres 7 de novembro, o Fórum Metropolitano acollerá a obra O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro, inspirada en feitos reais e centrada no acoso escolar e na aceptación da diferenza. Haberá unha función escolar ás 11:30 horas, con inscrición previa en festigual.gal, e unha función aberta ao público ás 20:30 horas con entrada libre ata completar capacidade.
Despois do teatro, o festival continúa no Fórum Metropolitano co inicio do ciclo de cinema “Un plano diferente”, que se celebrará todos os xoves, venres e sábados do mes na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano. Cada fin de semana proxectarase unha longametraxe acompañada dunha curtametraxe do proxecto Miradas Diversas, da Asociación Cultural Albatros, que explora a diversidade e a inclusión a través do audiovisual. O ciclo comeza con Intocable (6, 7 e 8 de novembro). As proxeccións terán lugar os xoves e venres ás 20:00 horas, e os sábados ás 17:30 e ás 20:00 horas. As entradas teñen un prezo de 3 euros, con desconto de 2 euros para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e titulares do Carné Xove, e un prezo único de 1,50 euros nas sesións dos sábados ás 17:30.
Sábado de Arte urbana
O sábado 8 de novembro chegará cheo de actividades que combinan arte, corpo e cultura urbana. A xornada comezará ás 11:00 horas coa visita guiada á exposición fotográfica “Carreiros sen néboa” do colectivo Nós Why Not? na Casa Museo María Pita, unha mostra que rompe prexuízos sobre a discapacidade e a comunicación a través da imaxe. As súas autoras —Sasha López, Lucía Borrallo, “Flopy” e Rosa Areosa— amosan diferentes xeitos de expresarse e descubrir o mundo a través da fotografía. A participación é gratuíta, con inscrición previa en festigual.gal, e a exposición pode visitarse ata o 29 de novembro.
Ás 12:00 horas, a Fundación María José Jove ofrecerá unha visita guiada adaptada á súa colección permanente, con interpretación en lingua de signos e inscrición previa tamén en festigual.gal.
Xa pola tarde, a ONG ¿Por qué no? organizará o obradoiro Danzaterapia en familia XQN, unha proposta interxeracional para explorar o corpo e o movemento, ás 17:00 horas na Fundación María José Jove, con inscrición previa na web do festival.
O día pecharase no Fórum Metropolitano co espectáculo Freestyle People en Puré Free (20:00 horas), unha explosión de ritmo e improvisación con Poten100Mos, a Banda DiversidArte e artistas convidadas de Gallos del Norte. O proxecto, impulsado grazas á Convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa, desenvolvese dende 2024 e é xa todo un referente a nivel europeo. A través de sesións de freestyle que combinan música e improvisación sen prexuizos, as participantes traballan valores fundamentales como o respecto, a unión, a paz y o amor a través do rap. Para esta cita no FESTIGUAL 2025 estarán acompañadas tamén polos visuais do proxecto Xpressa do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, un espazo que non busca ensinar un proceso cinematográfico tradicional, senón ofrecer ás persoas con diferentes capacidades un medio para experimentar e expresar o seu propio universo creativo.
A programación deste festival impulsado polo Concello da Coruña coa colaboración da Fundación María José Jove, Vegalsa-Eroski, continúa a vindeira semana e pode consultarse en festigual.gal.
Máis novas do Festigual
O Festigual celebra do 5 ao 28 de novembro unha nova edición na Coruña pola “cultura inclusiva”

