Levan máis dun ano en loita, dende que aquel 11 de novembro de 2024 o edificio da Normal sufrira a caída de numerosos cascallos sobre o alumnado.
Daquela, a ANPA do CEIP de Prácticas iniciaba unha serie de mobilizacións para que as administracións responsables da conservación do centro sexan conscientes do lamentable estado do mesmo e do risco que pode supor de cara ao persoal traballador e ao alumnado do colexio. Pero a pesar que o edificio require unha reforma integral, tal e como acordaron o pasado 15 de xaneiro de 2025 Xunta, Concello da Coruña e UDC nunha xuntanza mantida a tal efecto, nada se ten feito por parte destas entidades.
As familias volveron á carga este comezo de curso, xa con varias concentracións á porta do centro, e anuncian manterán unha mobilización este venres 7 de novembro ás 8:40 horas ás portas do centro. Non será a única.

As deficiencias
As familias debullan as necesidades do edificio que poñen en risco a vida e a saúde dos 250 nenos e nenas que reciben aulas no CEIP de Prácticas:
- Dende maio de 2025 parte dos aseos destinados ao alumnado están pechados por un atoamento que require de obra maior. Isto supón que as crianzas cheguen incluso a mexarse por enriba por non dispor de sanitarios suficientes.
- Os diferentes enreixados de peche así coma as cancelas, están enferruxados e rachados co perigo que isto pode supor para o alumnado.
- O chan do patio está cuberto de fochancas.
- As humidades son dunha relevancia tan grande que mesmo nacen fungos en mesas e portas.
- O alicatado de zonas comúns coma o ximnasio ou algúns baños cae por falta de mantemento
- A pasada semana dende o centro tiveron que dar avisode desinfección urxente por mor de que varias crianzas tiveron problemas de erupcións cutáneas por usar determinados elementos do ximnasio
- O chan afúndese baixo os pés das nosas fillas e fillos…

A preocupación na comunidade escolar aumenta ao ver que a partida para Educación proposta nos Orzamentos de 2026 da Xunta de Galicia mérmase de maneira significante e non aparece dotación económica específica para acometer a reforma integral que o noso
colexio precisa.
Do mesmo xeito continúan sen prazos oficiais por parte do Concello da Coruña para realizar as obras de mantemento requeridas, “malia que a Alcaldesa insista en que non son da súa competencia”.
“Estamos fartos e fartas de promesas incumpridas e da nula asunción de responsabilidades por parte das administracións”.

