Con menos incidencia da que debería entre as familias (si que conta co apoio oficial das ANPAS Galegas), arrincou a primeira xornada das dúas de folga convocadas polo profesorado do país, para profestar recortes e desmantelamento do ensino público galego. A de hoxe é xa o cuarto día de folga do profesoado neste primeiro trimestre de curso, e a enésima mobilización das comunidades escolares, o que dá conta da falta de interese da Xunta de paliar as carencias que levan denunciando familias, ANPAS e centros de ensino dende setembro: falta profesorado de apoio para as Necesidades Educativas Específicas.
Marcha fúnebre polo ensino público
View this post on Instagram
Esta mañá, os sindicatos convocantes CIG-Ensina e STEG animaba ao profesorado a acodir a secundar a folga e a participar, vestidos de negro, á manifestación/marcha fúnebre realizada entre o CEIP Alborada e o Edificio Administrativo de Monelos, en sinal de loito polos recortes. Polo camiño foron amosando a loita polos CEIP Salgado Torres, CEIP Wenceslao Fernández Flórez, IES Fernando Wirtz, CEIP Concepción Arenal, CEIP San Francisco Xabier, IES Otero Pedrayo, CEE Nosa Señora do Rosario, CEIP María Pita e CEIP Ramón de la Sagra. En todos eles foron deixando crespóns, esquelas… que simbolizan “o fúnebre futuro cara o que nos diriximos de seguir a Consellaría de Educación a aplicar unhas políticas de recortes de profesorado e de recursos que nestes últimos anos están abocando aos docentes galego a unhas condicións laborais pésimas, cunha sobrecarga de traballo que repercute negativamente sobre todo no alumnado, e moi especialmente naquel que require unha atención especial”.
Nova xornada
Mentres os centros continúan operativos polos servizos mínimos, nalgún caso con menos clases ordinarias e máis recreo, a segunda xornada de folga, a do mércores 17, convoca ao profesorado a unha marcha en Santiago de Compostela para reiterar, máis unha vez, as demandas ante o propio goberno da Xunta (sairá ás 11:30 de diante do Parlamento Galego) e tamén ante o Conselleiro de Educación (rematará de diante do edificio da Xunta en San Caetano).
Unha das 20 marchas no país
Estas accións enmárcanse na estratexia de visibilizar e socializar o conflito laboral que mantén o profesorado galego desde inicios de curso tras 15 anos de recortes e de ser o único do Estado que continúa co horario lectivo dos recortes da crise de 2010. Ademais, a falta de profesorado especialista e persoal auxiliar coidador para atender á diversidade, que se puxo de manifesto especialmente este curso con protestas protagonizadas polas ANPAs; as ratios elevadas, sobre todo nas áreas urbanas e periurbanas; a precarización das condicións con cada vez maior número de contratos a media xornada e itinerantes até en tres centros diferentes, así como unha burocracia asfixiante que impide dedicar o tempo a preparar as clases son algunha das demandas que levaron á convocatoria de tantos días de folga, que mañá chegarán ao quinto, algo insólito desde os 86/87 e 87/88 nos que se realizaron 12 e 20 convocatorias de folga respectivamente.
Máis novas
Indignación nas familias do CEIP Cidade Vella tras escoitar en directo “as mentiras” da Xunta
Un ano de loita polo CEIP Prácticas: “As familias estamos fartas!”







