A Garda Civil e a Ertzaintza, no marco da operación conxunta Zigula-Nigal, procederon á detención na Coruña dun ciberdelincuente altamente activo como presunto responsable de múltiples estafas cometidas contra pequenas e medianas empresas de Euskadi, Aragón, Baleares, Madrid, Cataluña e Valencia. O importe estafado supera os 440.000 euros, e a investigación, dirixida por un xulgado de Azpeitia (Gipuzkoa) continua aberta, polo que non se descartan máis arrestos.
A investigación permitiu localizar e deter ao presunto autor, de 50 anos de idade e nacionalidade nixeriana, que presuntamente desenvolvía a súa actividade delituosa como integrante dun grupo criminal organizado con presenza en distintas provincias do Estado.
O agora detido adoptaba elevadas medias de seguridade e anonimización para dificultar a súa identificación, localización e detención, chegando a operar durante anos utilizando identidades falsas e documentación subtraída a terceiras persoas, algunha delas xa falecida.
Esta utilizaba esta documentación para abrir presencialmente contas bancarias e contratar cartóns SIM, ferramentas esenciais para a execución de estafas e para evitar deixar un rastro directo da súa actividade criminal. A detención practicouse durante o rexistro do inmoble no que residía actualmente na Coruña, onde os axentes interviñeron diversos dispositivos informáticos, teléfonos móbiles, cartóns SIM, documentación subtraída, cartóns bancarios a nome de terceiras persoas, un micro cámara espía e outros efectos relacionado coa actividade delituosa.
As pescudas realizadas no marco da cooperación policial apuntan a que o arrestado formaba parte dun grupo criminal estruturado en células distribuídas por distintas provincias da xeografía española, que lles permite executar múltiples ataques, dispersas rapidamente os fondos obtidos e dificultar a acción policial.
22 FEITOS DELITUOSOS
Ata o momento, os investigadores lograron esclarecer 22 feitos delituosos, logrando recuperar preto de 160.000 euros tras o bloqueo de distintas contas bancarias. O método empregado polo detido consistía principalmente na técnica coñecida como “man in the middle”, considerada unha das modalidades máis sofisticadas da ciberdelincuencia empresarial.
A través da interceptación de comunicacións reais entre empresas, principalmente mediante correo electrónico, os autores modificaban os números de contas bancarias sen levantar sospeitas, conseguindo desviar pagos a contas controladas pola organización criminal.
Para iso empregaban técnicas de enxeñaría social baseadas na manipulación e a xeración de confianza entre as vítimas. As pequenas e medianas empresas constitúen un obxectivo especialmente vulnerable debido á súa estrutura máis áxil, a menor implantación de protocolos de seguridade e a relación directa entre empregados e provedores.
Un correo electrónico aparentemente lexítimo, unha chamada realizada no momento adecuado ou unha falsa situación de urxencia eran suficientes para inducir ás vítimas a realizar transferencias bancarias que acababan nas contas controladas polos ciberdelincuentes. Ao detido atribúenselle os delitos de pertencía a grupo criminal, estafa continuada, descubrimento e revelación de segredos, falsificación de documentos privados, usurpación de estado civil e branqueo de capitais.
A investigación conxunta coordinada polo CITCO (centro intelixencia contra o terrorismo e crime organizado) e dirixida polo tribunal de instancia sección civil e de instrución, praza número 2 de Azpeitia (Gipuzkoa), continúa aberta e non se descartan novas detencións.

