A Policía Nacional propuxo sancionar catro membros dos Riazor Blues en relación cos acontecementos previos ao Deportivo–Leganés do 1 de maio, no que se incautaron armas e outro material. Segundo informa a Xefatura Superior de Policía en Galicia, enfrontan sancións de ata 30.000 euros por posesión e consumo de substancias estupefacientes e por almacenamento de armas, bengalas e artigos pirotécnicos.
Tamén se tramitan outros procedementos administrativos, que atenderán a Policía Local da Coruña e a Garda Civil por infraccións derivadas da realización de actividades sen autorización ou relacionadas coa normativa sobre artigos pirotécnicos ou cartuxaría. O pasado 1 de maio disputouse o encontro correspondente á xornada 38 da Liga Hypermotion no estadio Abanca Riazor, entre o R.C. Deportivo e o C.D. Leganés. Na previa dese partido realizouse un amplo operativo policial nun local frecuentado polos Riazor Blues, onde foron identificadas unhas 20 persoas e se interviron paus, luvas, cascos, máscaras, martelos e armas brancas coas que atacar as afeccións rivais.
Tamén se interviron bengalas “coma as que, na previa do Deportivo contra o Málaga, estiveron a punto de provocar o incendio dun vehículo aparcado á beira do local ou daños na fachada dun edificio contiguo, o que motivou a intervención dos bombeiros”.”Este tipo de bengalas tamén interromperon a recepción pacífica e festiva do autobús do Deportivo no seu partido contra o Real Zaragoza, xerando un grave risco para persoas e bens, pois o calor, a chama e o fume que producen puideron incendiar o autobús e obrigar a detelo por haber un grande risco de atropelo pola falta de visibilidade”, lembra a Policía Nacional.
EXPEDIENTES ADMINISTRATIVOS
En canto ás sancións, especifica que por parte da Comisaría Provincial da Coruña se remitiron á Subdelegación do Goberno catro propostas de sanción conforme ao disposto na Lei de Protección da Seguridade Cidadá. Estas propostas poderían comportar sancións de ata 30.000 euros cada unha.
“Ademais, incoaranse os oportunos expedientes administrativos por almacenamento de material pirotécnico, pola práctica de actividades de distribución de bebidas alcohólicas propias dun establecemento de hostalería sen licencia, por infraccións da normativa de medidas fronte ao tabaquismo ou pola carencia de medidas preventivas contra incendios”.

