InicioCULTURAUrbano Lugrís: surrealismo atlántico cargado de identidade

Urbano Lugrís: surrealismo atlántico cargado de identidade

Publicada o

Por Claudia Varela Lourido

Urbano Lugrís González (A Coruña, 1908) foi un artista fundamental para entendermos a evolución da arte contemporánea galega. Un pintor narrativo, detallista e onírico, que entendía a súa pintura como imaxinación pura. O mundo dos soños, o surrealismo e a vida mariña son fíos narrativos fundamentais na súa obra. En palabras do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, a obra de Urbano Lugrís está «á espera dunha revisión profunda», polo que cómpre revalorizar e expoñer a súa creación plástica para poder lembrar unha parte esencial da arte contemporánea galega.

Urbano Lugrís, fillo de Manuel Lugrís Freire, medrou na Coruña das Irmandades da Fala. De feito, seu pai foi un dos fundadores. Cunha nai pianista, un tío escritor e un padriño historiador, Urbano frecuentou ambientes artísticos, poéticos e musicais na meirande parte da súa infancia e adolescencia. No ano 1930 marchou a Madrid, onde entrou en contacto coas correntes vangardistas da época, ademais de integrarse nas Misións Pedagóxicas da Segunda República. As súas primeiras publicacións literarias, ilustracións e exposicións viron a luz nos anos 40, cando comezou a publicar na revista El Pueblo Gallego.

Nos anos previos á Guerra civil, Urbano Lugrís puido cultivar o seu pensamento, pero unha vez se impuxo a ditadura franquista, a súa vida deu un xiro moi grande. Afirma a historiadora da arte Carmela Galego que “Lugrís foi un pintor que lle tocou vivir unha coxuntura moi complexa. Criouse nun ambiente galeguista e tocoulle exercer a súa profesión nun entorno que era moi agresivo co galeguismo de mediados do século XX”. Urbano Lugrís, tal e como o define Rodrigo Osorio, avogado e membro do Colectivo Literario Innave Civitas Lugrís, foi “un autor especialmente único” que cultivou un surrealismo ancorado á súa terra real, Galicia. Osorio reflexiona ao respecto: “Inventa un mundo de fantasía que ten unha raíz galega brutal. Bebe das fontes do nacionalismo e do republicanismo”.

A TABERNA COMO ESPAZO PÚBLICO

Lugrís, movido pola efervescencia cultural da Coruña dos anos 30, comezou a interesarse pola pintura como forma de expresión artística. Tal e como afirma Carmela Galego, “boa parte da intelectualidade coruñesa foi represaliada”, polo que Lugrís, nesa coxuntura, decide sumerxirse nos mundos oníricos e comeza a súa carreira como pintor. As tabernas foron un espazo clave para conformarmos unha visión completa da relevancia da obra de Urbano Lugrís: “hai certo debate, non exento de complicacións documentais, sobre se a forma de vida de Lugrís tivo que ver co que el sufriu en relación co golpe de estado”, comenta Carmela Galego.

A taberna emerxe, polo tanto, como ambiente fundamental para Urbano Lugrís. Sempre desenvolveu unha arte clara e popular, en espazos públicos, “porque na súa poética sempre figurou achegar a arte ao pobo”, comenta Osorio.  A taberna, pola súa dimensión social e pública foi, para Lugrís, unha forma de democratizar a arte e achegala a todos os públicos. Galego insiste en que a súa pintura, ao ser feita en boa parte en parede, “dálle ao público a oportunidade de coñecer a súa obra”. Incide en que iso é moi importante, porque “a mediados do século XX había moi pouco público que ía aos museos, polo que o feito de que pinte nas tabernas fai que o seu legado permaneza na memoria da xente”.

Hoxe en día, o único conxunto muralístico íntegro que se conserva de Urbano Lugrís atópase nun baixo escuro da rúa dos Olmos, na antiga taberna Fornos. Esta semana, a Asociación o Mural e o Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrísconvocaron unha asemblea informativa aberta para valorar as accións a desenvolver arredor dos frescos que Urbano Lugrís pintou neste espazo en 1951. Cunha ampla participación (arredor de 200 persoas), Rodrigo Osorio afirma que, tras anos de abandono, o deterioro do inmoble é evidente, polo que as accións que se contemplan inciden en que “o esencial é que os frescos de Lugrís non se perdan, porque están nun risco moi grave polo estado do edificio”.

“San Barandán”, obra de Urbano Lugrís feita en 1946 / Colección ABANCA

UNHA OBRA ONÍRICA E SUBMARINA

Algunhas das pinturas máis destacadas da obra de Lugrís, realizadas en óleo sobre táboa, encadran topónimos moi próximos, como o porto da Coruña, a Torre de Hércules, o castelo de Santa Cruz ou o porto de Vigo. Estes cadros empregan a técnica surrealista, asemade que establecen como foco principal o mundo submarino. A pintura de Lugrís, segundo contempla Carmela Galego “ten unha estética agradable, cunha gama cromática e unhas tonalidades moi suxerentes e visuais”.

As paredes do antigo restaurante Fornos posúen un mural lugrisiano que ornamenta a súa bóveda. A bóveda é cruzada primeiro por un arco no que Urbano Lugrís indica a data de fundación do local. Na parte principal do conxunto, amósase unha panorámica da Coruña, que contén o castelo de San Antón, a cidade vella e a Torre de Hércules. A súa pintura é “moderna sen ser agresiva”, e os propios murais da rúa Olmos son moi atractivos para o público, tal e como apunta Carmela Galego. Por conseguinte, o seu muralismo é un gran referente para a nosa época, e pese a non ser un autor moi estudado, “hoxe forma parte do elenco dos grandes pintores da cultura galega”, reflexiona Galego.

“Galicia”, obra de Urbano Lugrís feita no ano 1953 / Colección ABANCA

A obra de Lugrís ten unha gran riqueza simbólica e amosa un gran coñecemento da nosa historia, polo que cómpre reivindicala como propia. Urbano Lugrís González foi pintor, ensaísta, poeta e narrador, así como un grande artífice do mundo onírico. Non obstante, o certo é que Urbano Lugrís é un deses autores que permanecen somerxidos na lembranza, cuxa obra está feita para ser redescuberta. A personalidade de Lugrís contémplase ao nomear aos principais artífices da arte galega do século XX, pero moi poucas veces se aborda a súa creación artística de maneira fidedigna. Polo tanto, ao democratizar e abrir a súa obra tal e como foi contemplada, tamén se universaliza unha parte da nosa cultura e das nosas raíces literarias. El mesmo afirmaba que era «un pintor puramente imaxinativo, pero a través dunha realidade concreta». Esa realidade é a que hoxe cómpre abordar. Porque para poder divulgar a Urbano Lugrís, primeiro hai que sumerxirse nos seus mares, pescudar nas súas orixes e ollar o mundo a través da súa mirada.

ÚLTIMAS

Sanidade Exterior autoriza o desembarco na Coruña do cruceiro ‘Ambition’ tras o brote de gastroenterite

Os técnicos de Sanidade Exterior autorizaron o desembarco na Coruña do cruceiro Ambition, no...

O Mural desoe ás promesas das administracións e convoca unha nova manifestación para defender o coidado dos frescos de Lugrís

Lanzaba con retranca este luns Rodrigo Osorio no Xornal o anuncio dunhas hipotéticas boas...

O metal da Coruña amplía a folga aos días 26 e 27 de maio ante o bloqueo do convenio

O sector do metal na provincia da Coruña acordou ampliar a convocatoria de folga...

A Serea de Ulises espiuse na Agra

Hai poucas entidades na cidade que sintan a poesía como a Asoc. Agra. Cada...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here