Os profesores Alberto Pombo Añón, Arcadio González e Mónica Reixía, do IES Rafael Dieste forman parte da lista de 25 finalistas da primeira edición de “Docentes Referentes”. A súa vontade e coordinación do proxecto #Aquítaménsefala, achégaos a esta iniciativa estatal impulsada pola Fundación Ibercaja á que se presentaron preto de 500 proxectos educativos de todo o Estado.
Dende a Fundación valoran o impulso deste movemento estudantil de defensa e promoción do galego que está conseguindo ata cambiarlle o nome ao Real Club Deportivo da Coruña.
Valoran que o proxecto ten convertido o centro nos últimos anos nun referente educativo e cultural en Galicia polo alcance e o impacto social das súas iniciativas. Desde alí, “Aquí tamén se fala” medrou ata implicar milleiros de estudantes de máis de 300 centros do país nun modelo de dinamización lingüística protagonizado pola propia mocidade.
O movemento destaca tamén pola súa capacidade integradora nun contexto especialmente diverso: no Dieste, sete de cada dez alumnos son de orixe migrante, unha realidade que o proxecto transformou nunha oportunidade para construír unha relación natural e positiva coa lingua galega.
Entre as iniciativas impulsadas arredor do proxecto destacan o Festival Profesional “Aquí tamén se fala”, polo que pasaron bandas como Ortiga, Grande Amore ou Boyanka Kostova; os concertos organizados no Planetario da Facultade de Náutica con Xabier Díaz ou Aida Tarrío; campañas de dinamización lingüística como #oDéporédaCoruña; ou os encontros do alumnado con figuras destacadas da música, o audiovisual, ou o deporte como Amaia Romero, Viggo Mortensen ou Bebeto.
O recoñecemento destaca o impacto social e educativo dunha iniciativa que conseguiu implicar e integrar á mocidade pola reivindicación da lingua galega desde os propios centros de ensino, converténdose nun referente de participación e dinamización cultural.
Os cinco proxectos gañadores recibirán un premio de 12.000 euros e o fallo definitivo do xurado darase a coñecer nun acto previsto para o mes de xullo en Zaragoza. De gañalos, os mestres doarán o premio ao propio proxecto.
Máis novas do proxecto
O Dépor galeguizará en maio o seu nome. A mocidade fai historia
O Dépor realizará unha consulta vinculante aos seus abonados para galeguizar ou non o topónimo
Antón Corral e a campaña #Aquítaménsefala recoñecidos con sendos Premios da Cultura Galega 2025

