InicioCULTURAA Xunta estuda encapsular os murais de Lugrís mentres non se desbloquea...

A Xunta estuda encapsular os murais de Lugrís mentres non se desbloquea a rehabilitación do inmoble da rúa Olmos

Publicada o

Por europapress

A apenas 2 días da manifestación ”A Coruña pola beleza. Deixade pasar as ondas do mar!” que este domingo vai encher o centro de paraugas lugrisianos, os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos pasaron polo Parlamento Galego.

A deputada do BNG Mercedes Queixas foi a encargada de formular a pregunta ante a Comisión de Cultura, onde denunciou unha situación de “abandono institucional” arredor das doce pinturas, e mesmo acusou a Xunta de “incumprir” as súas obrigas na protección dun conxunto do que a Administración autonómica é titular desde xullo de 2024.
A parlamentaria lembrou que os murais foron declarados Ben de Interese Cultural en outubro de 2025 e cuestionou que nin esa protección nin a titularidade pública das obras teñan servido, polo momento, para garantir a súa conservación efectiva.
Queixas advertiu de que as pinturas continúan nun edificio con filtracións e problemas estruturais, polo que reclamou información sobre as medidas adoptadas pola Xunta e sobre as actuacións inmediatas previstas para evitar un deterioro que, segundo sinalou, “podería chegar a ser irreversíbel”.

Tocoulle ao director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Ángel Miramontes, defender este a actuación do Goberno autonómico para garantir a conservación dos murais. Miramontes subliñou que a Xunta é titular dos murais, pero non do inmoble no que se atopan, unha circunstancia que, segundo explicou, condiciona calquera intervención. O director xeral asegurou tamén que a Consellería de Cultura tratou de promover unha actuación coordinada con outras administracións, aínda que, segundo afirmou, “sen obter a resposta agardada”.

O responsable de Patrimonio Cultural enumerou as actuacións realizadas desde 2024, entre as que citou estudos históricos, artísticos e estruturais, análises dos materiais pictóricos, levantamentos tridimensionais de alta precisión e a elaboración dun diagnóstico completo cunha proposta de intervención.

Segundo expuxo, tamén se levaron a cabo medidas urxentes de fixación de estratos pictóricos en zonas con risco de desprendemento. Ademais, indicou que ao longo de 2026 continúan os traballos de control, seguimento e conservación preventiva para avaliar a evolución do estado das pinturas.

ENCAPSULAMENTO MENTRES NON SE DESBLOQUEA A REHABILITACIÓN

Miramontes situou a principal dificultade no estado do edificio e nos atrasos relacionados coa obtención das licenzas urbanísticas por parte dos propietarios. Nese contexto, avanzou que a Xunta está a preparar o encapsulamento e protección dos murais como medida para asegurar a súa conservación mentres non se desbloquea a rehabilitación do inmoble.

O director xeral engadiu que o seu departamento mantén un seguimento “permanente” do estado das pinturas e que asesora os propietarios sobre as medidas necesarias para evitar danos durante as futuras obras. Fronte ás críticas do BNG, insistiu en que a Xunta ten desenvolvido actuacións técnicas para coñecer, diagnosticar e protexer o conxunto, aínda que vinculou os avances definitivos á situación urbanística e estrutural do edificio que acolle as obras de Urbano Lugrís.

Máis novas

Paraugas e sinaturas para quecer a manifestación polos Murais de Lugrís

A Coruña sae á rúa polos murais de Lugrís

ÚLTIMAS

La M.O.D.A. conquista un Recorda Fest dominado pola nostalxia dos 90 e dos 2000

O peirao da Batería da Coruña rendeuse esta fin de semana á nostalxia dos...

A Coruña homenaxea a Joaquín Martín Martínez, secretario municipal fusilado en 1936 por defender a democracia e a liberdade

O Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL) xunto co...

1 millón de sementes de ameixa babosa para recuperar o marisqueo da ría do Burgo

Máis vale tarde que nunca. E despois de anos de pelexas, os mariscadores da...

Interceptado en Culleredo un mozo que conducía sen carné, sen seguro, sen ITV e tras beber

A Policía Local de Culleredo interceptou este pasado venres un veciño de Cambre de...