A soprano coruñesa María Luisa Nache, unha das grandes voces galegas do século XX, será a homenaxeada no Día das Artes Galegas de 2027, que se conmemora cada 1 de abril. A decisión foi acordada este sábado polo pleno da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA). Segundo trasladou a institución nun comunicado, a elección responde aos numerosos méritos dunha artista considerada a soprano galega máis destacada do século XX, cunha “excepcional traxectoria artística”, un importante labor docente e un papel relevante como embaixadora da cultura galega no mundo.
UNHA HOMENAXE POR “XUSTIZA HISTÓRICA”
“Pola súa carreira inigualable, o seu labor docente e o seu significado como icona cultural, María Luisa Nache reúne todos os méritos para ser a protagonista do Día das Artes Galegas na edición de 2027, permitindo así que o pobo galego redescubra e celebre unha das súas artistas máis universais”, sinala a Academia. A RAGBA entende esta homenaxe tamén como un acto de “xustiza histórica”, ao considerar necesario visibilizar as mulleres que, partindo dunha Galicia periférica, acadaron a excelencia en disciplinas tan esixentes como a ópera. Segundo subliña a institución, Nache rompeu teitos de cristal nos escenarios máis importantes do mundo e converteuse nun referente da interpretación lírica.
“O CUMIO” DA LÍRICA GALEGA
A Academia destaca tamén a música, e especificamente o canto lírico, como unha das belas artes con maior arraigamento en Galicia. Neste contexto, sitúa a María Luisa Nache como “o cumio” da interpretación lírica galega. A súa voz, “dotada dunha técnica prodixiosa e dunha expresividade conmovedora”, levouna a compartir escenarios con figuras internacionais como Maria Callas, Franco Corelli ou Mario del Monaco, entre outros grandes nomes da ópera.
DO ÉXITO INTERNACIONAL AO ENSINO NA CORUÑA
Tras a súa carreira internacional, María Luisa Nache regresou á Coruña para dedicarse ao ensino no Conservatorio de Música. Alí formou novas xeracións de cantantes e deixou unha “pegada indeleble” no patrimonio pedagóxico musical de Galicia. A RAGBA tamén salienta a súa participación nas tempadas de ópera da Coruña, que considera “fundamentais” para consolidar a tradición lírica da cidade. Coa elección de María Luisa Nache para o Día das Artes Galegas de 2027, a Academia busca recuperar e proxectar a figura dunha creadora esencial da cultura galega, unha artista que levou a voz de Galicia aos grandes escenarios internacionais e que contribuíu despois á formación musical das novas xeracións.

