Despois de dous meses de intensas mobilizacións, as asembleas de traballadores do metal realizadas pola CIG na tarde deste luns aprobaron “por amplísima maioría” o preacordo de convenio asinado entre a representación sindical e a patronal a última hora deste luns. A ratificación do texto por parte do persoal supón a desconvocatoria das xornadas de folga previstas para este martes 30 de xuño, e os días 2, 7 e 9 de xullo.
A CIG-Industria valora o acordo alcanzado, ao recoller “os principais obxectivos marcados polo sector” para a negociación deste convenio tanto a nivel económico, como nas melloras laborais e sociais.
“Hai que destacar que chegar o leste acordo só foi posible grazas á intensa loita sostida polo conxunto do persoal, que secundou de maneira masiva oito xornadas de folga e numerosas mobilizacións”, apunta o sindicato.
Sobre o contido do preacordo, a nivel salarial, durante o período de vixencia do convenio (2026-2029) aplicaranse os seguintes incrementos: 5% para o ano 2026, 3% para 2027 e 2028 e 4% para o ano 2029. Sumando un incremento total neste catro anos do 15%, coa garantía ademais de mantemento do poder adquisitivo, xa que se consegue romper coa revisión ao cruzamento que existía ata agora ao incluír unha cláusula de revisión anual ao IPC con efectos retroactivos a 1 de xaneiro.
Outra das cuestións fundamentais para esta negociación refírese a a loita contra a precariedade que se está estendendo no siderometal. Neste sentido, fai falta subliñar que se conseguiron avances na estabilidade do emprego, ao fixarse por convenio que, como mínimo, o 75% do persoal ten que ser indefinida; incorporar fórmulas para limitar a contratación a través de EET; garantir a aplicación do convenio de siderometal ás persoas contratadas por esta vía; ou ampliar a subrogación á actividade de fabricación de bebidas que ata agora non recoñecera este dereito.
Para a CIG, “un salto significativo neste campo” supón o novo artigo para regular a contratación fixa descontinua que asegura un período mínimo de traballo de seis meses e actívase un mecanismo para garantir un tempo mínimo de actividade continuada de 15 días.
Ademais, mellora a indemnización por final dos contratos non indefinidos, que pasa de 16 a 18 días por ano traballado, e tamén se mellora no caso dos cesamentos voluntarios.
En materia de xornada, durante o vixente convenio reducirase en 12 horas a xornada máxima anual, quedando fixada nas 1.740 no ano 2029; os días 24 e 31 de decembro terán consideración de non laborables; e as vacacións pasan de 24 días hábiles a 25 desde 2027.
O preacordo incorpora ademais melloras nas condicións das persoas desprazadas; créase un plus de pernoctación; aumenta o prezo da quilometraxe e mellórase o pago da nocturnidade e do traballo a quendas; e clarifícase a aplicación e as medidas de compensación relativas ao plus de toxicidade, perigo e penosidad.

