O Parque de San Diego conta os días para unha das citas tradicionais máis importantes do ano na cidade. A Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros ten perfilado un cartel de luxo para a Romaría dos Castros, que se desenvolverá entre os días 17 e 19 de xullo.
Música tradicional, actividades populares e propostas para todos os públicos encherán unha nova cita das festas dos barrios.

A celebración arrancará o venres 17 cun pasarrúas de Cántigas da Terra, ao que seguirá o pregón, que nesta edición correrá a cargo de Maika e Willy Sieiro Vázquez, fillos de Víctor Sieiro, unha figura moi querida no barrio dos Castros e no deporte coruñés.
Víctor Sieiro Asorey, foi pioneiro do fútbol sala feminino na Coruña, como fundador, presidente e adestrador do histórico Sal Lence.
Esa mesma noite de venres Tres Pesos e Xurxo Fernandes presentarán o seu espectáculo ‘Levaino!’.
A programación continuará o sábado 18 cunha alborada e pasarrúas a cargo de Donaire, seguida da sesión vermú do grupo Maghúa, un xantar popular, xogos tradicionais e a
actuación da Orquestra Pantasma. Xa pola noite subirán ao escenario Acordeireta e Luar na Lubre, unha das formacións máis representativas da música folk galega, nun dos concertos máis destacados de toda a fin de semana. A xornada rematará coa sesión de DJ Misa.
O domingo 19, último día da romaría, volverá soar a música tradicional co grupo de Donaire, protagonista da alborada e da actuación do mediodía. Tras o xantar popular, o grupo Pan Sen Fron será o encargado de poñer o peche festivo á celebración.

