Hoxendía a bicicleta é unha das grandes protagonistas da mobilidade desta cidade. 7.000 usuari@s utilizan o servizo municipal Bicicoruña e percorren os máis de 50km de carrilbici ou carrís ciclables dos que xa dispoñemos.
Unha realidade que, se ben debe seguir aumentando a presenza da bici como vehículo e concienciando a condutores do respecto aos ciclousuarios, é froito do enorme esforzo da sociedade civil durante décadas.
Podemos remontarnos a comezos dos anos 2000 cando un grupo de amantes das dúas rodas participaban na Masa Crítica, movemento social mundial que tamén se viviu nas rúas dunha cidade na que que a bici aínda era un elemento estrano. Un venres de cada mes, durante varios anos, saían a dar un paseo pola cidade para reivindar e visibilizar a presenza das bicis nas nosas estradas.
Un movemento que culminaba en 2008 coa fundación da Asociación Mobi-liza. Aqueles Bruji, María, Chus, Marcos, Manel, Fran, Juan Bello… formalizaban unha entidade para fomentar unha mobilidade responsable e sostible, e xestionar ao mesmo tempo proxectos como o préstamo de bicis que aínda mantén vivo a UDC.
Unha das patas máis fermosas da Asociación (falaremos doutras como a Escola da Bici) é o Taller de Bici Reciclos. Nacía en Própolis, o baixo-batifondo que o eterno activista Nicanor tiña na Rúa Barcelona, pero dende hai varios anos está situado no edificio das antigas instalacións de Padre Rubinos, en pleno paseo marítimo.
Aberto todos os martes e mércores de 17:30 a 21:00, Reciclos é un paraíso para os amantes das dúas rodas. Ferramentas, pezas, aparatos de todo tipo… todo o que soñas para para a túa bici.
Quique e Bruji son os responsables de meter unha man a quen a necesite, de manter todo ordenado… Pero realmente o Taller é autosuficiente, un exemplo de autonomía e de reciclaxe.
”Reciclos é altruísmo sobre rodas”, explica Luís “Bruji”, que leva case 10 anos abrindo as portas do taller cada semana, e aportando o seu tempo, sabedoría e experiencia para axudar a que quen queira acodir a arranxar a súa bici ou a crearse unha coas pezas recicladas recollidas pola entidade.
”Reciclos é o espazo onde crear a túa propia autonomía, é un exemplo de democratización do sistema de reparación de bicis”, explica Iria Prendes, tamén membro de Mobi-liza e unha ciclo-viaxeira que é quen de vivir da súa paixón. “En Reciclos mestúranse varias cousas: é un xeito de facerlle fronte ao sistema capitalista da sociedade de consumo; é un lugar desenvolvemento individual na autosuficiencia e na autonomía, de poder arreglar o teu propio vehículo; pero é que ademais faise reusando cousas que irían ao lixo, polo que tamén é un exemplo de xestión de residuos a nivel local, de como xestionar centos de quilos de lixo e darlles unha segunda vida”.
Pero é que ademais é un sitio de acollida, de recibimento. Son moitas as nacionalidades que se dan cita no taller, que en moitos casos serve de primeira benvida á sociedade coruñesa. “Reciclos tamén ofrece un sentimento de pertenza, de recepción… chega xente de todo o mundo, e podes atopar persoas con gustos afíns… a bici vai da man a outras cousas, como unha vida máis calmada, o gusto pola natureza…”
Pendentes dun hipotético cambio de ubicación cando as instalacións do antigo Padre Rubinos sexa rehabilitado, o Taller Reciclos seguirá sendo un dos exemplos máis fermosos da autosuficiencia da cidadanía da Coruña.