A alcadesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou a posta a disposición do parque público de vivendas para os miles de demandantes que existen. Fíxoo a preguntas dos medios de comunicación sobre a reclamación do BNG ao Goberno de España de transferir as vivendas da Sareb na Coruña á Xunta para ampliar o parque público.
A este respecto, a rexedora lembrou que o Executivo central unificou este ámbito en casa 47, entidade pública estatal, vinculada ao Ministerio de Vivenda, encargada de xestionar e ampliar o parque público de aluguer alcanzable.
O obxectivo desta medida, segundo recalcou, é “poder desenvolver unha política de vivenda común que sexa máis eficaz á hora de construír vivenda pública”, así como “pór a disposición tanto das comunidades autónomas como das entidades locais parques de vivenda que actualmente están inoperativos”.
“Evidentemente estamos interesados en que todo ese parque público de vivenda poida porse a disposición dos miles de demandantes que hai”, insistiu. Neste sentido, asegurou que o goberno local mantén “contacto constante” con este Ministerio. “E persoalmente coa ministra — Isabel Rodríguez –“, engadiu.
LICITACIÓN CENTROS DEPORTIVOS
Inés Rey fixo estas declaracións tras a rolda de prensa convocada para anunciar a licitación do servizo de xestión e remodelación dos centros deportivos municipais de San Diego e O Castrillón.
Por un período de 30 anos, inclúe un plan de investimentos para a mellora xeneralizada dos mesmos nun modelo de explotación conxunta de ambas as infraestruturas. “Queremos ter as mellores instalacións deportivas, funcionando co mellor equipo humano e material”, destacou neste ámbito.

