InicioA CORUÑAA Coruña abre as portas da maior Feira do Libro de Galicia

A Coruña abre as portas da maior Feira do Libro de Galicia

Publicada o

Por Redacción

A Feira do Libro da Coruña converterá un ano máis os Xardíns de Méndez Núñez no gran punto de encontro entre lectorado, librarías e autores. Do 1 ao 10 de agosto, a cidade acollerá a cita máis extensa e multitudinaria do calendario das Feiras do Libro de Galicia, organizada pola Federación de Librarías de Galicia baixo o lema «A porta a universos infinitos», cun programa que reúne máis dun cento de actividades para todos os públicos, ademais das tradicionais sesións de sinaturas nas casetas das librarías participantes.

A feira abrirá en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas, e durante toda a súa celebración os libros poderán adquirirse cun 10 % de desconto.

Ao longo de dez días, a programación reunirá algunhas das voces máis destacadas da literatura galega e estatal, xunto a ilustradores, divulgadores, historiadores e autores emerxentes, nunha edición que reforza o papel da Feira do Libro da Coruña como un dos grandes acontecementos culturais do verán galego.

Podedes ver aquí o Programa completo, pero antes facemos un repaso das citas máis singulares:

Sábado, 1 de agosto | 12.30 h. Inauguración oficial coa ilustradora Bea Lema

A feira abrirá oficialmente as súas portas o sábado 1 de agosto ás 12.30 horas cun acto inaugural no que a ilustradora coruñesa Bea Lema pronunciará o pregón. A primeira xornada ofrecerá ademais un obradoiro de Pokémon para público infantil, a presentación de Cunetas de Luís Pimentel, a visita de Brigitte Vasallo e varios encontros literarios arredor da novela histórica, a literatura negra e a creación contemporánea, coa participación de autores como María Oruña, Rodrigo Costoya, Pedro Feijoo, Rober Cagiao e Luis García Rey.

Domingo, 2 de agosto | 12.30 h. Literatura premiada e actividades familiares

A programación continuará o domingo cun diálogo arredor das Mariñas Ártabras, teatro familiar da man de Pablísimo, unha nova edición das Conversas Follas Novas, protagonizadas por Carlos Negro e Tamara Andrés, e a presentación da novela gañadora do Premio García Barros 2026, A muller de mentira, de Iria Collazo. A xornada completarase con novas presentacións e conversas literarias nas dúas carpas da feira.

Luns, 3 e martes, 4 de agosto | Desde as 17.30 h. Novas voces, patrimonio e narrativa galega

O inicio da semana estará marcado polas actividades familiares e polos encontros arredor do patrimonio, a literatura e a creación contemporánea. O luns celebrarase a presentación de O amor, o odio e a ignorancia, de Manuel Fernández Blanco, un bingo literario conducido por Lucía Aldao e diversas conversas sobre creación literaria. O martes será a quenda de novas presentacións e encontros con autores, mantendo unha intensa programación durante toda a tarde nas dúas carpas da feira.

Mércores, 5 e xoves, 6 de agosto | Grandes encontros co lectorado

A metade da feira continuará cunha sucesión de presentacións editoriais, mesas de diálogo, actividades infantís e sesións de sinaturas nas casetas das librarías participantes, consolidando os Xardíns de Méndez Núñez como un espazo de encontro entre escritores, profesionais do libro e lectores de todas as idades.

Venres, 7, sábado, 8 e domingo, 9 de agosto | As grandes citas da recta final

A programación vivirá unha das súas fins de semana máis intensas coa presenza de destacados nomes da literatura galega e estatal. Entre as propostas figuran a homenaxe a Syra Alonso, a presentación de Os abandonos, de Antón Riveiro Coello, conversas con Manuel Esteban, Antía Yáñez, Carolina Sarmiento, Yolanda Castaño e numerosos autores máis, ademais de novos roteiros literarios, actividades familiares e presentacións que converterán a Coruña nun gran escaparate da creación literaria galega.

Luns, 10 de agosto | Peche dunha edición chea de literatura

A Feira do Libro despedirase o luns 10 de agosto mantendo a súa intensa programación ata o último día, cunha nova xornada de presentacións, actividades e sinaturas que porán o broche final á principal cita do calendario das Feiras do Libro de Galicia. Durante toda a feira permanecerán activas as casetas das 35 librarías e editoriais participantes, así como as sesións de sinaturas de autores, os roteiros literarios, os obradoiros e as actividades para público familiar, consolidando unha edición pensada para facer da lectura unha experiencia compartida.

 

ÚLTIMAS

Centos de traballadoras do comercio de alimentación da Coruña mobilízanse para reclamar un novo convenio

Centos de traballadoras do comercio de alimentación da Coruña manifestáronse este domingo para reclamar...

Importante susto por un incendio forestal en Bens

Esta pasada noitiña de domingo, arredor das 21:10h, dábase a alerta por un lume...

Detido na Coruña un home acusado de malos tratos tras un altercado cos seus fillos

Un home foi detido na madrugada deste domingo na Coruña por un delito de...

Silvio Rodríguez fai cantar ao Coliseum da Coruña nun reencontro co público galego

O Coliseum da Coruña encheuse por completo na noite deste sábado para recibir de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here