- Profesionais da información xeralista e deportiva pechan filas coa xornalista coruñesa tras facer público un manifesto en defensa do libre exercicio da profesión
- O colectivo advirte sobre o perigo do anonimato dixital e reivindica contornas de traballo seguras e respectuosas
A profesión xornalística galega deu nas últimas horas unha firme e unánime resposta de solidariedade á xornalista deportiva coruñesa Lucía Dávila, quen fixo pública unha reflexión nas súas redes sociais para denunciar os ataques, insultos e presións recibidos desde perfís anónimos de X e TikTok.
No seu manifesto, Dávila afondou no impacto persoal e profesional deste tipo de situacións, lamentando que quen alimenta este acoso “non busca entenderte nin chegar a un punto en común, senón facer dano, simplemente”. A comunicadora coruñesa reivindicou a ilusión e a entrega coas que desenvolve a súa actividade diaria, destacando que se atopa “cumprindo literalmente un soño” que acada despois de “moito traballo, constancia e esforzo”.
En relación ao rigor e á ética na información deportiva, Dávila remarcou que ter unha determinada preferencia cara un club non debe supoñer un problema mentres saibas “separar a túa afección da túa profesión, fagas o teu traballo con respecto e sexas obxectivo”. A xornalista pechou a súa reflexión cun chamamento á empatía e á humanidade lembrando que “detrás dunha conta hai unha persoa que traballa, que ten familia, amigos, soños e medos”, e adiantou a súa intención de continuar co seu labor profesional: “Eu vou seguir traballando. Vémonos polos estadios”.
Unha onda de apoio liderada polo xornalismo local e autonómico
A difusión do manifesto xerou un peche de filas inmediato entre compañeiros de profesión, encabezados pola representación institucional do sector na cidade. A presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez, amosouse moi contundente ao lembrar que as plataformas dixitais non poden converterse no “refuxio de quen insulta e vexa ás xornalistas”, definindo a Dávila como “unha gran profesional e gran persoa” que non merece este tipo de actitudes.
A esta postura sumáronse voces de referencia da prensa diaria e deportiva. Desde El Ideal Gallego, a xornalista Noela Rey trasladoulle o seu orgullo por vela cumprir o seu soño profesional na herba de Balaídos, subliñando ademais a perfecta convivencia entre a paixón e o oficio: “Estou superorgullosa de que cumpriras o teu soño no estadio do meu equipo e ao lado da afección coa que comparto cores. P.D.: Son do Celta e fixen (e a veces aínda fago) información do Deportivo”.
Pola súa parte, o redactor de Faro de Vigo Víctor Currás —coñecido en redes sociais como Zume de Pinha— tamén amosou o seu apoio de xeito directo enviándolle “unha grande aperta”.
O diagnóstico sobre os riscos do contorno dixital completouno o xornalista Alfonso Hermida, quen advertiu de como o anonimato nas redes converte a miúdo a discrepancia en hostilidade. Para Hermida, “nada xustifica o ataque persoal, o insulto, a presión ou o acoso”, lembrando que a diferenza é tamén un espazo desde o que construír e escoitar.
O rigor profesional como resposta ao anonimato
A defensa da profesión estendeuse coordinadamente por parte de comunicadores doutras cabeceiras locais e estatais. Desde Quincemil, Óscar Martínez destacou a Dávila como unha “profesional TOP”, mentres que Javier Guillén, xornalista da Radio Galega, remarcou que o propio rigor e a calidade da información diaria son “a mellor arma para combater a tanto anónimo ‘valente'”.
Nesa mesma liña de arroupo profesional, Raúl Román, xornalista da Revista Líbero e Informe Plus, amosou a súa admiración polo paso dado pola comunicadora ao cualificar a súa reflexión de “sensacional” e de “texto impecable”, trasladándolle “moita forza e apertas”. Pola súa banda, a xornalista especializada en tenis de Movistar Plus, Irene Gómez, sumouse tamén de xeito público ás mostras de solidariedade enviándolle unha mensaxe de “forza” para afrontar estes momentos complicados no exercicio do seu traballo.
Con este peche de filas, o sector da comunicación en Galicia volve situar no centro do debate a urxencia de protexer a dignidade dos xornalistas e garantir contornas seguras para o exercicio da información, rexeitando de plano calquera conduta de acoso no ámbito dixital.
- Miguel Gómez Longo (@gomezlongo4) Graduado en Xornalismo; Mestrado en Protocolo e Organización de Eventos; Mestrado en Comunicación Deportiva.
Outros artigos de Miguel Gómez Longo

