A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, apelou ao diálogo co BNG para negociar o orzamento de 2027, mentres a formación nacionalista reitera “incumprimentos” nos acordos previos acadados co PSOE. “Nós estamos na mellor disposición para un diálogo construtivo”, insistiu a rexedora tras citar para o vindeiro mércores, día 30, o grupo municipal do BNG a negociar o orzamento de 2027.
“Aínda queda tempo para que o pensen mellor“, sinalou en relación coa resposta da voceira nacionalista e candidata á Alcaldía, Avia Veira, quen denunciou “incumprimentos” nas contas municipais deste ano. “O noso socio prioritario é o BNG, con quen tiñamos máis puntos en común, e así foi nestes anos de mandato”, recalcou Rey. Neste sentido, instou esa formación política a que “saia á rúa”. “Que falen cos cidadáns, que lles expliquen se van sentar ou non e que necesidades teñen”, concretou.
“Pídolles esa reflexión serena, sen pensar en maio — data das vindeiras eleccións municipais –, sobre o que precisa a cidade”, expuxo. Así, reiterou que o “diálogo ten que ser a premisa fundamental na política útil, aínda que logo non se chegue a un acordo”. “De entrada o diálogo non se lle nega a ninguén”, reclamou.
POSTURA DO PP
Pola súa banda, explicou que o PP “amósou a súa disposición a sentar e falar dos orzamentos”. “Como comprenderán, vou dar prioridade a unha forza progresista, ao BNG”, insistiu. Porén, incidiu en que se a formación nacionalista segue “instalada no non e non queren traballar pola cidade” negociarán coa dereita. “Non temos ningún problema en sentarnos co PP“, asegurou.
REACCIÓN DO BNG
Pola súa parte, Avia Veira reprochou que o goberno local “segue sen escoitar a cidade” e sen “avances” no acordo orzamentario de 2026. “Teñen por cumprir todo un orzamento, énos imposible pensar en ningún tipo de acordo de cara a 2027”, criticou tras confirmar que “non só non se rectificaron certas políticas, senón que nalgún caso foron a peor”.
“Dános moita rabia especialmente que non se nos escoitase“, afirmou en alusión ao mes de xullo, cando o BNG anunciou a ruptura do diálogo. “Ten tres meses para cumprir o acordo orzamentario de 2026 e está claro que non ten vontade para facelo”, sentenciou para recalcar que a postura do BNG “non é un teatro, é unha decisión firme que xa anunciamos”, en alusión á ruptura do diálogo hai uns meses.

