O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha iniciativa do PPdeG para pedir ao Goberno central que analice e reforce a presenza policial nas zonas da Coruña con maior incidencia delitiva. A proposición non de lei, debatida na Comisión 1ª, saíu adiante co voto en contra do PSdeG e as abstencións do BNG e Democracia Ourensana.
En concreto, o texto insta o Executivo estatal a presentar, con carácter urxente, un informe sobre as necesidades de persoal e recursos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na Coruña, acompañado dun calendario para a súa execución. O obxectivo é cubrir as vacantes existentes, incrementar o persoal e reforzar tanto a presenza policial nas zonas con maior incidencia delitiva como as unidades especializadas en ciberdelincuencia e delitos tecnolóxicos, ante o crecemento deste tipo de infraccións recollido na iniciativa.
A proposta reclama tamén dotar as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado das infraestruturas, medios materiais e recursos tecnolóxicos necesarios para mellorar a prevención e a persecución da delincuencia. Así mesmo, pide establecer unha coordinación permanente co Concello da Coruña e co resto das administracións competentes para avaliar a evolución da seguridade cidadá e adoptar medidas adicionais cando resulte necesario.

