Salvamento Marítimo auxiliou este venres un pesqueiro que quedou sen goberno cando navegaba a pouco máis de dúas millas da torre de Hércules, na Coruña, e remolcou a embarcación ata o peirao de Oza.
O incidente produciuse cando o barco se atopaba a unhas 2,1 millas da costa coruñesa e os seus tripulantes comunicaron a situación aos servizos de emerxencias. No pesqueiro, de 10,6 metros de eslora, viaxaban dúas persoas.
Tras recibir o aviso, o Centro de Coordinación de Salvamento da Coruña activou un operativo para prestar asistencia á embarcación e mobilizou a Salvamar Betelgeuse.
A unidade de Salvamento Marítimo desprazouse ata a posición na que se atopaba o pesqueiro e iniciou as tarefas para conducilo de volta a terra. Finalmente, a embarcación foi remolcada ata o peirao de Oza, na Coruña, cos dous tripulantes a bordo.

