Renfe anunciou a posta en marcha, a partir do 15 de outubro, o chamado ‘Plan Galicia’, para mellorar a mobilidade dos viaxeiros recorrentes dos servizos de Media Distancia Vigo-Santiago-A Coruña e os Avant Ourense-Santiago-A Coruña.
Así, o operador de transporte ferroviario xa sinalado que se reforzará o servizo en horas e días punta, “con máis opcións de viaxe para os desprazamentos cotiáns por motivos laborais, académicos ou persoais, con novos servizos, trens con máis prazas e axustes horarios”.
Deste xeito, sinalou que a incorporación ao Servizo Público de trens de maior capacidade, así como a programación de novas circulacións, permitirán incrementar en máis dun 24% as prazas Vigo-Santiago-A Coruña. A iso súmase un aumento do 6% na oferta Avant Ourense-Santiago-A Coruña.
Desde o próximo 15 de outubro, o servizo 9073 A Coruña-Vigo, con saída ás 7:00 horas, pasará a realizarse con material S106 (máis de 500 prazas por tren), mellorando a oferta de primeira hora da mañá. Ademais, créase un novo servizo Vigo Urzáiz-A Coruña ás 9:00 horas, con máis de 500 prazas ofertadas.
Tamén se substituirán por material S106 os convois dos servizos 9123 A Coruña-Vigo Urzáiz e 9132 Vigo Urzáiz-A Coruña, cuxas saídas se adiantan ás 11:30 horas e as 13:15 horas, respectivamente. O tren 9083 A Coruña-Vigo Urzáiz, con saída ás 8:00 horas, tamén verá incrementada a súa capacidade grazas á circulación en dobre composición, o que permite reforzar outro dos trens con maior utilización da xornada.
Para reforzar as prazas e o horario de primeira hora tamén se aproveitarán as sinerxías co AVE 4464 das 6.00 horas da mañá que parte desde Vigo dirección Madrid, que pasará a ofertar prazas de media distancia entre Vigo e Santiago.
Outra mellora que contempla esta medida é a implantación doutro novo servizo entre A Coruña e Vigo Urzáiz ás 20:00 horas para ampliar as opcións de mobilidade na franxa de tarde-noite e facilitar os desprazamentos de regreso.
AXUSTES HORARIOS
Para completar a optimización da oferta no Eixo Atlántico, Renfe axustará o horario de dous servizos. En horario de mañá, o 9113 A Coruña-Vigo Urzáiz adianta a súa saída ás 10:30 horas. Pola tarde, o 9213 A Coruña-Vigo Urzáiz, modifica a súa saída ás 22:05 horas (actualmente sae ás 21:40 horas).
Esta reorganización permite atender aos viaxeiros dos Rexionais 12560 e 12561 que conectan A Coruña e Santiago a última hora, polo que deixarán de circular. Ademais, igual que a pasada tempada de inverno, Renfe manterá os reforzos en dobre composición dos servizos 9072 Vigo Urzáiz-A Coruña, 9112 Vigo Urzáiz-A Coruña e 9153 A Coruña-Vigo Urzáiz, que seguirán ofrecendo 564 prazas fronte ás 282 actuais.
Con respecto ao corredor A Coruña-Vigo Guixar, a compañía tamén implantará lixeiros axustes nos horarios dos servizos Rexionais que circulan pola liña convencional.
SERVIZO AVANT
Por outra banda, Renfe aproveitará a capacidade dispoñible en varios servizos AVE para ofrecer novas prazas Avant, reforzando na conexión Avant Ourense-Santiago-A Coruña, tanto en horario de mañá como de tarde.
Esta medida incorpora tres novas relacións a unha operativa xa existente en determinados trens de Alta Velocidade, incrementando as opcións de viaxe con máis de 2.000 prazas extra semanais a disposición dos viaxeiros recorrentes en percorridos internos galegos.
Os billetes coa nova oferta estarán dispoñibles nas próximas horas para a súa consulta e adquisición nas canles habituais de Renfe: despachos de billetes, máquinas autoventa, App Renfe, no teléfono 912 320 320 e en www.renfe.com.

