A Deputación da Coruña recoñeceu a figura de José Suárez co premio honorífico de fotógrafo histórico, nun acto celebrado no salón de plenos da institución provincial. No acto participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a deputada provincial Avia Veira; o sobriño do homenaxeado, José Alberto García Suárez; o comisario do premio, Xurxo Lobato, e o fotógrafo Manuel Sendón. Trátase dunha das actividades paralelas do Premio Luís Ksado de creación fotográfica, que continuarán este martes no Centro Ágora da Coruña coa clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto.
CULTURA E ACCIÓN SOCIAL
Por outra banda, a Deputación da Coruña celebrou a xornada “Cultura e acción social”, un encontro destinado a analizar como poden colaborar os ámbitos cultural e social para favorecer unha participación cultural máis inclusiva e conectada coas persoas e coas comunidades. Profesionais da cultura, da acción social, da educación e do traballo comunitario compartiron experiencias e abriron un diálogo arredor das condicións necesarias para construír colaboracións efectivas, respectuosas e sostibles, segundo informou a institución provincial.

