O Centro Integrado de FP Paseo das Pontes convértese no primeiro Centro de Referencia Nacional na familia profesional de Téxtil, Confección e Pel. Así o anunciou o conselleiro Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, o pasado venres nunha visita á comunidade educativa, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e pola responsable de Recursos Humanos da área de produción de Inditex, Marta Espiga.
O recoñecemento como Centro Nacional de Referencia supón un financiamento específico por parte do Ministerio para o desenvolvemento dos plans de traballo a través dos que executan os seus obxectivos. Entre as funcións destes centros están a estreita colaboración co tecido socioeconómico da contorna e colaborar na actualización do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais, así como nos procesos de avaliación e acreditación de competencias.

Galicia, ademais de contar co CIFP Paseo das Pontes -dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP- como o único Centro de Referencia Nacional de toda España para a familia de Téxtil, Confección e Pel, tamén é a única comunidade con outros dous centros con esta distinción para a familia profesional Marítimo-Pesqueira. Trátase do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA, A Illa de Arousa) e o Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Vigo), ambos dependentes da Consellería do Mar.
A Rede de Centros de Referencia Nacional está conformada por 40 centros de toda España. Son centros públicos que facilitan unha formación competitiva, realizan accións de innovación e experimentación, especializados nun determinado sector produtivo, no caso do Paseo das Pontes na moda, cunha estreita colaboración coa firma INDITEX, de referencia a nivel mundial neste eido. Os centros de referencia nacional son, por tanto, punteiros na súa área e fomentan a investigación e a innovación para dar resposta ás necesidades do tecido económico.
Cómpre lembrar, ademais, que Galicia conta con seis centros na Rede Estatal de Excelencia da Formación Profesional, polo que se sitúa no grupo de comunidades líderes neste eido. Contan con esta distinción os centros integrados de FP Universidade Laboral (Culleredo), Ánxel Casal-Montealto e Someso (os dous na Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), As Mercedes (Lugo) e Carlos Oroza (Pontevedra).
Crecemento da matrícula
Cómpre salientar que a FP en Galicia volveu acadar este ano un no récord histórico de matriculados con 75.385 persoas este curso, case un 6% máis que o pasado. No que respecta á área da Coruña concentra 17.506 persoas estudando algún ciclo de FP, o que supón un aumento de máis do 4%.
Concretamente, o CIFP Paseo das Pontes conta cun total de 1.098 alumnos e este ano veu reforzada a súa oferta cun novo ciclo de FP Acelerada de grao medio de Servizos en bar e cafetaría.

