O Concello comezou as obras do proxecto de acondicionamento e mellora da accesibilidade no Castro de Elviña, cun investimento de case 160.000 €. O obxecto da intervención é o acondicionamento do ámbito para que poida ser visitado de xeito controlado polo público e de forma máis cómoda.
Para respectar a contorna, os elementos de mobiliario —que serán de formigón para facilitar o mantemento— realizáronse deseños específicos que minimizan a súa presenza no terreo, e evitan restarlles protagonismo aos restos arqueolóxicos.
O sistema de drenaxe dos camiños realízase mediante pequenas canles sobre as que se sementarán plantas herbáceas silvestres, de modo que se integren totalmente na paisaxe da zona. Para definir os trazados dos camiños seguíronse, na medida do posible, os trazados xa existentes no ámbito, que se corresponden con camiños tradicionais de acceso aos antigos terreos de cultivo ou de comunicación no ámbito.
Entre as actuacións concretas contempladas no proxecto atópanse:
- Acondicionamento do aparcadoiro situado no camiño das Penas da Grela, próximo á actual entrada ao xacemento.
- Acondicionamento dos camiños de acceso á área arqueolóxica e do antigo camiño de Mesoiro-Feáns (Camiño do Castelo), que atravesa o ámbito pola súa zona sur.
- Creación de dúas áreas de descanso, que se situarán xunto ao antigo camiño de Mesoiro-Feáns (Camiño do Castelo), na zona máis afastada dos restos arqueolóxicos.
- Realización dunha instalación de iluminación entre o aparcadoiro e a área arqueolóxica. A instalación está formada por luminarias de baixa altura situadas xunto ao camiño, cun nivel de iluminación reducido para evitar a contaminación luminosa.
- Acondicionamento vexetal das zonas de intervención, creando prados nas áreas de canles de drenaxe e noiros, e da zona destinada a realizar eventos, situada no extremo sur do ámbito.
O investimento recente no Castro de Elviña, contando os tres grandes proxectos de posta en valor —melloras de accesibilidade, construción do novo centro de apoio e o novo valado perimetral que arrodea o Castro—, supera os 750.000 euros no seu conxunto. O valado perimetral do castro está xa moi avanzado e axudará a manter a seguridade no recinto.
En marcha a construción do centro de apoio ás escavacións arqueolóxicas no Castro de Elviña

