O goberno local da Coruña ten previsto manter as taxas e tributos municipais sen variacións en 2027, segundo avanzou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, no pleno municipal.
Segundo explicou, a decisión tómase nun contexto no que o consistorio busca “contribuír a manter o poder adquisitivo da cidadanía” e cunha situación municipal “saneada”.
“A 2 de novembro deste ano logramos un nivel de investimentos superior aos 30 millóns de euros, o mellor na serie histórica a estas alturas do ano”, aseverou. Na súa contra,dende o PP, Roberto Rod. volveu criticar o nivel de execución do orzamento municipal, asegurando que o goberno local ten 114M sen executar, incluído o 80% do orzamento para obras.
Modificativos de crédito
Noutra orde de cousas, o pleno municipal deu luz verde ao financiamento, a través dun modificativo de crédito, dos 32 proxectos seleccionados a través do proceso de consulta dos orzamentos participativos.
Desta maneira, ponse en marcha o mecanismo para activar os 2,5 millóns de euros de investimento municipal que estaban reservados para levar a cabo estas intervencións.
Outra medida aprobada no pleno foi destinar 427.963 euros ás obras de ampliación do edificio administrativo do parque de Bombeiros. Esta cantidade obtense a través da ordenanza de contribucións especiais.
Tamén saíu adiante o estudo de detalle nunha parcela situada na estrada de Visma a Mazaído. Este trámite explicou o edil de Urbanismo, Francisco Díaz, permitirá edificar neste solar agora baleiro.

