Traballadores de Eulen acodiron esta mañá a unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos, na Coruña, convocados pola Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG). Fano ante o anuncio do despedimento da totalidade dos traballadores e traballadoras que integran o servizo de conservación e mantemento de leitos fluviais de Augas de Galicia, externalizado desde hai anos á empresa EULEN.
A EULEN comunicoulles ao persoal a súa decisión de non concorrer á nova licitación do servizo, anunciando a extinción dos contratos “por causas obxectivas”.
A FCM-CIG considera que “esta decisión empresarial non pode desvincularse do conflito laboral que o persoal mantén desde hai un ano para conseguir a aplicación do convenio colectivo que legalmente entende que lle corresponde, o provincial de Rematantes e Serradoiros, e non o miserento Convenio Estatal de Actividades Forestais, cunhas condicións socioeconómicas considerabelmente peores ao conquistado pola CIG na Coruña”.
Ante a falta de resposta empresarial, a CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo e, posteriormente, promoveu un conflito colectivo que, tras rematar sen acordo o acto de conciliación, hai uns días foi trasladado á vía xudicial.
A FCM-CIG critica tamén a falta de resposta de Augas de Galicia, á que se dirixiu en reiteradas ocasións, incluída unha solicitude formal de reunión urxente presentada o pasado 23 de outubro, para abordar a situación do persoal e procurar alternativas que permitan preservar os postos de traballo. “Pasado máis de medio mes, o responsábel directo do servizo, Roberto Arias, nin se dignou a atender ao persoal”, lamentan.

