O tráfico estará cortado a partir deste luns, 16 de novembro, polas obras da Xunta na ponte da AC-214 sobre o río Mero, ao seu paso polo concello coruñés de Cambre. O corte de tráfico prolongarase ata o 4 de decembro. Haberá desvíos cun itinerario alternativo polas estradas AC-213 (polígono industrial de Alvedro-Os Campóns) e a DP-1702 (Cambre-A Rocha).
A actuación que se desenvolverá nesta obra de paso, duns 62 metros de lonxitude, consistirá na substitución de dous apoios situados en dous piares da estrutura para recuperar a súa correcta funcionalidade. Ademais, acondicionaranse os outros dous apoios dos estribos que non se substitúen. Para executar estes traballos son precisas manobras de elevación do taboleiro da ponte, cun levantamento máximo previsto dun centímetro, polo que é necesario cortar a circulación na estrada.
Posteriormente, continuarán os traballos restantes, cun investimento global de máis de 100.000 euros. As tarefas forman parte do contrato de inspección e revisión de estruturas por parte do Goberno galego.

