A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, confirmou que a praza de María Pita, onde Vito Quiles convocou para esta tarde un acto, estará valada porque nin esta convocatoria nin a anunciada por Galiza Nova están “autorizadas”.
“É un axitador ultra, que forma parte deste circo no que nos quixo meter a dereita e a ultradereita”, sinalou en declaracións aos xornalistas a rexedora, para quen Vito Quiles procura “espallar o discurso do odio”. “Non será en María Pita”, sentenciou sobre a convocatoria desta tarde, ás 18.00 horas, de Quiles e unha hora antes a de Galiza Nova.
Mentres, preguntada ao respecto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que A Coruña é unha cidade “que demostrou que planta cara aos que nos queren levar cara atrás”, aínda que insistiu na importancia de acudir votar para “frear” a dereita e a ultradereita.

