Meses de espera para a consulta hospitalaria, arredor dunha semana para a consulta co médico de familia, meses para as probas radiolóxicas, urxencias saturadas, sanitarios con queixas de sobrecarga, disputa política, o Conselleiro e o Presidente da Xunta botando balóns fóra, culpabilizando ao goberno central. Acumúlanse os problemas, medra a frustración e desesperanza de pacientes e traballadores, pérdese a confianza, faltan as solucións.
Vén de lonxe a deterioración progresiva da sanidade pública. No momento da chegada de Feijoo á Presidencia da Xunta, no 2009, estábase aplicando un plan de reforma da atención primaria (2007-2011) con creación de prazas de todas as categorías, redución de pacientes por profesional, incremento de recursos materiais e tecnoloxía. Estábase aplicando este plan porque había problemas e, no 2007, chegouse a un acordo asinado por organizacións profesionais, sociedades científicas, sindicatos e Xunta de Galicia (o tan citado bipartito). Xa había problemas pero se lle estaba intentando dar unha solución. Chegou Feijoo e ‘mandou parar’. Desde xuño de 2009 paralizáronse as contratacións.
No primeiro plan estratéxico do goberno de Feijoo, alá polo 2010-2011, un dos puntos fixaba como obxectivo incrementar a área de negocio na sanidade, e abofé que o conseguiu: a primeira decisión foi a construción do novo hospital de Vigo polo sistema de concesión pública mediante a contratación público-privada, un sistema de creación de infraestruturas que naquel momento xa estaba abandonado no marco da Unión Europea, que xa demostrara que era caro e peor que a construción pública normal, pero o recente estreado Feijoo, naquel momento, con moita ideoloxía e mala xestión, condenounos a pagar este hospital durante 30 anos, multiplicando o seu prezo inicial. Posteriormente chegaron as externalizacións sucesivas de todo o que non é bata branca na sanidade galega: tecnoloxía, material sanitario, electromedicina, mantemento, transporte sanitario, comunicación, informática… todo está en mans da xestión privada e pagado polo sergas. A mestura da sanidade pública e privada pola xestión sanitaria dos últimos 13 anos provoca confusión no sistema e aos pacientes.
A creación das Xerencias Integradas de Área de Saúde e a desaparición das Xerencias de atención primaria foron a iniciativa de xestión que empezou a demolición da atención primaria. Denominada pilar do sistema foi progresivamente desmontada, cada vez con menos profesionais, con máis sobrecarga e dependente das necesidades do hospital, que non dos pacientes. Entre o 2010 e o 2018 este goberno do PP ofreceu 180 prazas menos de especialidade de medicina de familia das que podería ofertar. Agora Rueda berra e bótalle a culpa a Sánchez pero a mala xestión deste goberno galego fíxonos perder a posibilidade de ter 180 médicos máis.
O problema é complexo. Todo o mundo é sabedor da importancia dunha boa sanidade pública, sobre todo cando estás enfermo, e non digamos cando tes algo grave. Necesitamos unha sanidade pública eficaz, accesible e igual para todos. Unha sanidade pública de calidade. Pero o goberno galego está fracasando na xestión. Son necesarios máis recursos pero son tamén imprescindibles cambios na organización do sistema, e iso moito é xestión e competencia propia do goberno galego.
A última medida anunciada por Comesaña, o conselleiro, foi a oferta de miles de euros aos médicos que aceptasen facer gardas a maiores nos Puntos de Atención Continuada. Só 10 dos 2500 médicos galegos aceptaron esta proposta. Mentres tanto seguimos perdendo médicos de familia recentemente formados, catro médicas de familia novas da Coruña vanse presentar de novo ao MIR para acceder a outra especialidade. Cando se dará conta a Consellería de Sanidade de que o máis importante non son os cartos senón as condicións de traballo?. Cando se dará conta de que o que quere o sector é poder atender con tempo e en tempo aos pacientes? De que así non queremos seguir traballando.
Si, hai responsables, o primeiro é, sen dúbida, o goberno galego, e hai solucións, as medidas prioritarias son valorar os profesionais, cambiar a organización e ofrecer condicións de traballo atractivas. Isto non resolve o problema para mañá pero asegura os piares da reconstrución da sanidade pública galega.
- Ramón Veras Castro. Médico de familia Centro de Saúde San Xosé (A Coruña). Membro da Plataforma SOS Sanidade Pública e Delegado sindical da CIG-Saúde.
Artigos relacionados
- Alicia Barreiro: Volver
Grazas polo artigo. Sorpréndeme a falta de mobilización cidadá. É frustrante pagar impostos por uns servizos que logo non se reciben. Onde van os cartos que aportamos coas nosas cotizacións sociais? E que tamén as empresas aportan por nós! Nada menos que o 30% de cada salario bruto anual. O mesmiño coa escandalosa falta de residencias públicas e atención a domicilio a dependentes (en mans de subcontratas privadas ou mesmo de empresas privadas). Ningún destes servizos é caridade nin de último recurso. Reciben cartos abondo para que sexa da máxima cobertura e calidade. Outra cousa é a vontade de usalos para o ben común.