InicioCAMBREPiden máis de 5 anos de cárcere para o exalcalde de Cambre...

Piden máis de 5 anos de cárcere para o exalcalde de Cambre Manuel Rivas pola adxudicación dun festival en 2012

Publicada o

Por europapress

O exalcalde de Cambre Manuel Rivas (PP) sentará a próxima semana no banco acusado de prevaricación e malversación de fondos públicos pola organización en 2012 do festival Brincadeira Rock in Cambre que, segundo Fiscalía, se outorgou a dúas empresas saltándose os controis administrativos e causando un prexuízo económico ás arcas municipais de case 447.000 euros.

O xuízo está previsto que arranque na xornada do luns e se prolongue ata o xoves na Audiencia Provincial da Coruña. Ademais do exmandatario do Partido Popular, tamén están acusadas outras oito persoas, entre elas, dous dos concelleiros do equipo de goberno de goberno de Cambre, Santiago Ríos e Felipe Andreu.

Para Manuel Rivas, os dous concelleiros e os dous resposnables das empresas implicadas, o Ministerio Público pide penas de cinco anos e medio de cárcere por malversación de caudais públicos en concurso con delitos de prevaricación administrativa. Ademais da pena de cárcere, tamén se enfrontan a unha inhabilitación para cargo público de oito anos.

Os feitos, denunciados pola organización política Unión por Cambre, remóntanse ao ano 2012, cando, segundo Fiscalía, o executivo local encabezado por Rivas adxudicou a dúas empresas de forma fraudulenta a organización do festival Brincadeira Rock in Cambre.

O Ministerio Público sostén no seu escrito de acusación que o alcalde estableceu conversas previas a febreiro de 2012 co obxectivo de “eludir” a metodoloxía e os controis establecidos na lexislación de contratación pública para, deste xeito, conceder “a dedo” a organización dun evento de catro días de duración.

O acordo, plasmado como convenio do sector público e por valor de 240.000 euros, foi asinado o 1 de febreiro de 2012 polo rexedor e os reponsables das dúas empresas encargadas de organizar o festival de música, que tivo lugar no verán dese mesmo ano.

Segundo Fiscalía, “todos eles estaban postos de común acordo para defraudar ás arcas municipais”, xa que eran coñecedores de que a forma de proceder “evitaba” o control dos servizos municipais e anulaba “a posibles competidores que se puedieran presentar para poxar polo contrato”.

O convenio establecía a obriga de devolver os 240.000 euros asignados á organización do festival, pero, continúa Fiscalía, non se esixía “ningunha garantía ou aval que asegurase o retorno do diñeiro”.

Así mesmo, tampouco formaba parte do convenio unha memoria técnica que acreditase a capacidade das empresas, que carecían de avais, traballadores “nin ningún elemento” para determinar a súa solvencia económica e técnica.

Fiscalía incide en que, a maiores de evitar todo tipo de control previo, as facturas abonáronse “sen comprobarse a efectiva realización” do consignado nelas e “sen memoria que determinase que se debía pagar”.

Ademais de Manuel Rivas e os dous titulares das empresas implicadas, o Ministerio Público tamén formula acusación contra o entón tenente de alcalde de Cambre, avogado de profesión e encargado dos borradores do convenio.

O terceiro membro do goberno municipal implicado é, segundo Fiscalía, responsable dos feitos por participar na preparación do convenio e por configurar seis facturas de case 40.000 euros abonadas ás empresas.

Os cálculos do Ministerio Público cifran en 446.866 euros o prexuízo económico causado contra as arcas municipais, contía que se reclama a todos os procesados en concepto de indemnización ao Concello de Cambre.

SEGUNDA PATA DO CASO

Paralelamente, xunto á adxudicación fraudulenta da organización do festival tamén serán sometidos a xuízo a xestión dunha das empresas implicadas, cuxos responsables cometeron, para Fiscalía, unha operación de branqueo de capitais.

Segundo figura no escrito de acusación, o dono da empresa empregou 245.000 euros do diñeiro recibido do Concello de Cambre para ampliar o capital de compañía ata alcanzar os 249.000 euros.

Dous anos despois, vendeu a totalidade da empresa por 1 euro a unha persoa que, días máis tarde, volveu vender de novo a compañía a un terceiro. Estas dúas persoas son curmáns e tiñan menos de 20 anos no momento dos feitos. O primeiro unicamente era titular dunha moto e o segundo estaba inscrito no rexistro de morosos.

Fiscalía considera a manobra como unha operación para colocar un home de palla á fronte da empresa á última persoa en asumir o temón da compañía quen, meses máis tarde, obtivo préstamos bancarios por 55.000 euros, ademais de actuar como fiadores de terceiras empresas por valor dun millón de euros.

Así as cousas, o Ministerio Público demanda cinco anos de cárcere para o administrador inicial da empresa e outro catro para os outros dous implicados, aos que, así mesmo, pide multas que ascenden a 240.000 euros e 1 millón de euros, respectivamente.

ÚLTIMAS

Investigan a aparición dun cadáver nun camión do lixo na planta de reciclaxe na Coruña

A Policía Nacional abriu unha investigación pola aparición dun cadáver nun colector na planta de reciclaxe de...

A Coruña acolle o acto ‘As elixidas’ con líderes locais de Cabo Verde, Mozambique ou Brasil

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este martes o acto de apertura do...

O servizo de Teleasistencia da Cruz Vermella coida máis de 2.200 maiores na Coruña

Recibía esta mañá a sede da Cruz Vermella da Coruña, a visita institucional comandada...

A Coruña rende homenaxe aos Mártires de Brens

Norberto Recamán Lago, Florentino Canosa Barreiro, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte...