InicioOPINIÓNUnha historia verdadeira

Unha historia verdadeira

Publicada o

Por José Manuel Sande

Durante uns anos, Didac Aparicio foi a cabeza visible do selo videográfico Intermedio, coñecido polas súas tan persoais como coherentes apostas cinematográficas, aderezadas pola excelencia de catálogo e contidos, con materiais complementarios esixentes, novidosos. Un día, Aparicio decidiu abandonar o cine, creando en 2011 unha editorial, Contra, especializada en cultura popular, orientada sobre todo en dous ámbitos, deportes e música. Por fortuna, unha conxunción de circunstancias facilitou que o deporte na súa vertente escrita deixara de ser pouco menos que proscrito e contemplado baixo parámetros elitistas, e o editor, coa súa proverbial sagacidade e capacidade de risco, foi alimentando un catálogo suxerente, cheo de xoias que, non é baladí, deixan atrás ocos de coñecemento históricos.

Observando que na selección musical son moitas as pezas destacables –mención especial ao lirismo intenso e desquiciado de Fuego eterno. La historia de Jerry Lee Lewis de Nick Tosches ou a propia autobiografía de Mark Lanegan-, o deporte ten un fondo editorial baseado fundamentalmente en tres disciplinas, o baloncesto, o ciclismo e o fútbol. Este último outono editaba Coast to Coast. Un viaje por los márgenes de los Estados Unidos a través del baloncesto, un ensaio de viaxes fascinante que, co baloncesto –entendido como ente poliédrico, multicor- como epicentro, coa música en deliciosa amalgama, moldea nada menos que un estimulante informe sociopolítico de primeira orde sobre os Estados Unidos, un empeño laborioso: a comprensión do carácter distintivo dunha sociedade a través dunha práctica concreta.

Froito dun desprazamento polo país do seu autor, o xornalista freelance Fernando Mahía (A Coruña, 1990), iniciado en maio de 2019, como ben se nos indica, tempos de Trump, cando todavía vive Kobe Bryant e non chegou a pandemia arrasadora, o libro funciona como un manual erudito, cheo de referencias, marcado por unha mirada respectuosa sobre a contorna, con humor e honestidade.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Fernando Mahía (@fernando.mahia)

A narración, o periplo en si, prosa de carreteira, furgoneta Dodge Gran Caravan do 2001, perspicaz e apaixoada, comeza nas históricas canchas de Rucker Park, espazo antolóxico do deporte nas rúas de estirpe afroamericana, e remata en setembro de 2019 no Oeste, na outra costa, arredor de San Francisco -lugar onde o autor residiu un tempo- e o potencial do actual campeón da NBA, os Golden State Warriors, coa inauguración do Chase Center, o seu novo pavillón. O texto permite pasar da frescura lumpen do xogador de rúa por excelencia, Earl Manigault, á xenialidade de Pete Maravich –protagonista da biografía tamén editada por Contra Pistol de Mark Kriegel, auténtica traxedia shakesperiana de memorable lectura-, dun modo no que o fresco deportivo e social pasea por estados variopintos e enriquecedores: o sustrato caribeño; o legado puritano; o pioneiro James Naismith; o Akron de Lebron James; o deporte de Flint; os veciños de Larry Bird e o mito da Indiana hoosier; o paseo polos Apalaches; a caída aos infernos de Schuye LaRue; a WNBA; a marca Globetrotter; os Memphis Grizzlies e as pisadas de Otis Redding; Lusia Harris, primeira muller no draft da NBA ou a nativa Ryneldi Becenti.

Fernando Mahía posúe un sentido da construción no que o didactismo nunca é un obxecto pesado ou impositivo, cunha marcada habilidade para trascender o recordo persoal e transformalo en peza do puzzle-epítome resultante, un conxunto de personaxes, espazos, narracións, anécdotas, notas ou fitos que non eluden as sensacións máis agridoces dunha sociedade empurrada e coaaccionada en tantos aspectos pola aspiración ao éxito. Polo demais, ese conxunto plural, espallado nun sinfín de direccións e que sobrepasa as restriccións do microcosmos, complementa con eficacia a ollada presente na nómina de obras estadounidenses relacionadas con este deporte traducidas grazas á editorial, títulos como Showtime, Las reglas de Jordan, Baloncesto (y otras hierbas) ou Cuando éramos campeones.

 

  • José Manuel Sande. Programador cultural, escritor cinematográfico. Parte da Filmoteca da Galicia e da Fundación Luzes.

ÚLTIMAS

Homenaxe do PPdeG a Luísa Villalta coa presenza da nai, a irmá e un sobriño

O PPdeG celebrou este sábado un acto na Coruña polas Letras Galegas no que reivindicou...

Sabías que Pablo Picasso se estreou como retratista na Coruña?

Pablo Ruiz Picasso era un neno de 9 anos cando chegou á Coruña, aló...

A Coruña homenaxea a Luísa Villalta, “activista polo idioma” e muller “comprometida”

Autoridades e familiares de Luísa Villalta reivindicaron a obra e a figura da escritora...

Coruña homenaxea a Luísa Villalta, a poeta da ‘Cidade Alta’

Galicia celebra un ano máis a festa da súa lingua e das súas letras. A...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here