Sergio e Pura son os protagonistas dunha das escenas máis auténticas da Coruña. Malia ser el de Pereiro de Aguiar e ela do Val do Dubra, levan toda unha vida nas rúas na cidade herculina. Durante o verán vémolos coa eterna furgoneta de La Ibi vendendo xeados por Riazor ou Orzán; en outono e en inverno sacan o tren das castañas pola Rúa Real.
Normalmente acaban en Reis, pero este ano parece que hai moita castaña e van estirar a tempada ata que se acaben, polo menos ata o Entroido, calcula Gonzalo, o fillo, que se ocupa da parte administrativa.
Con eles falamos un anaco mentres atenden a toda a clientela que aínda a día de hoxe compra os cucuruchos (os de 5 son os que máis se venden). Coa súa retrancan responden á clásica pregunta do “Moito traballades” cun rotundo, “a xuventude xa non quere traballar. Ata os 40 son adolescentes e a partir dos 40 están cansados para traballar…”
Está claro que son doutra pasta, doutra época. “Meu pai comezou vendendo nos anos 60 castañas en Marín para un señor que tiña varios carros. Despois veu para Coruña e comezou vendendo churros e barquillos e xa máis tarde Xeados e Castañas”, cóntanos Gonzalo. Estivo moitos anos cos carritos antes de comprar a furgoneta de xeados xa nos anos 70.
”A miña familia tivo postos en moitos sitios da cidade. Os churros e os barquillos vendíanos cos tambores a costas, no antigo “papagayo”, nas praias e nas rúas. Tamén tivemos un posto de palomitas onde o cine Colón. Despois cos xeados o noso kiosko estivo na baixada da praia do Orzán, nos Xardíns de Méndez Núñez, na praia de Santa Cristina, na baixada de Riego de Agua cara á Marina, xusto onde comeza o N°1 da Rúa Real, ademais de na fonte dos Surfistas do Orzán. Os postos das castañas tivémolos ademais de na Rúa Real, nos Olmos e na rúa Barcelona”.
Se ben os xeados son de produción propia, mercan as castañas “en almacéns que xa coñecemos e coñecen que tipo de calidade buscamos, dependendo da época e do mes, mercamos dunha zona u outra, é todo baixo a experiencia de anos”. Precisamente ese é o único truco para que se pelen ben: “ter un bo producto e unha boa variedade, ademais de darlle moito cariño”.
Cando lle preguntamos a Sergio e Pura que dá máis, se as castañas ou os xeados, a súa resposta non pode ser máis galega: “Depende do que se traballe”. Gonzalo debulla mellor a idea, tamén coa retranca galega por diante: “O que non dá nada é o que non se vende, sempre que se venda algo se gaña. Os xeados fabricámolos nós, pero este ano subiron moitisimo as materias primas, e veremos como afrontamos, se subimos os prezos ou nos axustamos máis nós, pero o que temos claro é que a calidade non se vai baixar. O mesmo pasou coa castaña, este ano subiu moitísimo o prezo, e nós continuamos igual, ofrecendo o mellor e as mesmas cantidades, así que podería decirse que gañamos menos, pero o que nos importa moitas veces é máis que os nosos clientes queden satisfeitos. Se nos comparamos con outras cidades de España e outros paises, nós somos os que mellor relación prezo/produto temos en ambos ámbitos. A Coruña podería decirse que é unha cidade económica en canto a xeados e castañas”, sentenza.