InicioCULTURASó as persoas abonadas do Real Club Deportivo decidirán sobre a normalización...

Só as persoas abonadas do Real Club Deportivo decidirán sobre a normalización do topónimo

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Parecía que había consenso social (máis alá da saída de ton do desafiuzado Paco Vázquez), pero finalmente serán só os socios, e non os máis de medio millon de siareiros que ten o Depor por todo o planeta, os que decidan se o Real Club Deportivo pasa a ser “da Coruña”, ou fica no limbo da ilegalidade lingüística, unha vez que o topónimo oficial da cidade (o de todas as cidades do país) é en galego.

Perdeu unha oportunidade de ouro a dirección do club de gañarse un tanto, se tivese anunciado o pasado Día das Letras Galegas a normalización do seu nome, aproveitando o traballo de concienciación realizado durante estes dous anos a mocidade do IES Rafael Dieste no marco da marabillosa campaña #Aquítaménsefala.

Unha medida que parecía tomada e que mesmo foi filtrada pola prensa. Porén, ante o consenso social evidente, algo debeu pasar no seo do club, que deu marcha atrás á decisión e que decidiu poñer en marcha un “proceso de consulta vinculante” co obxectivo de decidir de maneira consensuada sobre a adecuación da denominación oficial da entidade ao marco xurídico vixente en materia de toponimia oficial de A Coruña.

O club, no comunicado, fala de dirixirse á “masa social” do deportivismo, pero en realidade  “a consulta permitirá ás persoas abonadas decidir sobre a posibilidade de manter a actual denominación social do Club ou adaptala ao topónimo oficial da cidade”.

As opcións sometidas a votación serán manter a nomenclatura de “Real Club Deportivo de La Coruña” ou adecuar o nome do Club á toponimia oficial da cidade, adoptando neste caso a denominación de “Real Club Deportivo de A Coruña” en castelán e “Real Club Deportivo da Coruña” en galego. A “maioría simple” decidirá.

A consulta desenvolverase desde as 9:00 horas do 17 de xuño de 2026 ata as 18:00 horas do 21 de xuño de 2026, ambos inclusive, a través dun sistema de votación online. Así mesmo, o Club habilitará unha canle telefónica específica para maiores de 65 anos e outros colectivos que poidan precisar asistencia.

Evidentemente este medio, que forma parte da Asociación de Medios en Galego AMEGA, espera que os abonados do club demostren o seu compromiso coa nosa lingua.

Novas relacionadas

O colectivo #Aquítaménsefala estoupa contra a indiferenza do Real Club Deportivo

O Dépor realizará unha consulta vinculante aos seus abonados para galeguizar ou non o topónimo

O Dépor galeguizará en maio o seu nome. A mocidade fai historia

ÚLTIMAS

Disparidade entre Concello e a Xunta pola nova parada de bus metropolitano na rolda de Outeiro

A Xunta enviaba a semana pasada unha proposta ao Concello da Coruña para crear...

O Centro de Arte Fundación María José Jove marida arquitectura, xogo e comunidade

Se ben o 25 coñeceremos o seu programa educativo completo, este xoves 17 ás...

Un roteiro veciñal para reinvidicar a Rolda Peonil que atravesa a cidade

No marco do programa da Semana Europea da Mobilidade, que xa está en marcha...

As Festas de Monte Alto recuperan as Merendiñas da Torre

Monte Alto celebrará esta fin de semana unha nova edición das súas festas. Un...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here