Hoxe martes 3 de novembro, ten lugar a pertura da estación intermodal de autobuses (a de tren aseguran que estará en funcionamento a comezo de 2027), e con ela entran en funcionamento os numerosos cambios no transporte metropolitano.
Son moitas as dúbidas da veciñanza ante unha situación que provoca cambios en 137 liñas e 180.000 servizos anuais, unha vez que modifica os 5 corredores de entrada e saída da cidade, a través das avenidas da Pasaxe, de Monelos, de Alfonso Molina, de Arteixo e de Fisterra. Uns corredores que se teñen que adaptar á nova ubicación da Intermodal (na Avenida da Sardiñeira) por uns accesos que haberá que ver como asumen o aumento do tráfico pesado.
Falamos que para entrar e saír boa parte das liñas usarán o novo vial que une a Av. Arteixo coa Sardiñeira, ben para Carballo ou ben para a Rolda de Outeiro, con varios puntos negros como son a rotonda de Eduardo Diz ou cruce Arteixo-Outeiro.
A nova terminal da Sardiñeira dispón de 20 dársenas de operacións (baixo marquesiña) e 15 de estacionamento/regulación, pero non dispón de servizos extra, como lavado ou surtidor, que si tiña a anterior. Ademais o aparcamento aínda non está operativo.
Cambios principais
A liña interurbana máis afectada será o que vén pola Av. da Pasaxe (ALSA Bxx, Monbus a Betanzos). Collerán Alfonso Molina no centro, pararán na Praza de Madrid e baixarán por Paxariñas para ir cara Pérez Ardá e facer o percorrido actual coma se sairan da vella estación.
As liñas que terminarán na intermodal que entran pola avenida de Alfonso Molina conectando coas principais cidades galegas como Santiago de Compostela, Lugo e Ferrol, ademais de servizos metropolitanos con Oleiros, Sada, Culleredo e Betanzos, acceden polas avenidas de San Cristovo e Enrique Salgado Torres ata a avenida de Arteixo.
Na saída, circularán pola avenida da Sardiñeira e a rolda de Outeiro para incorporarse a Alfonso Molina. Os servizos deste corredor que continúan ao Teatro Colón manterán o itinerario urbano de entrada e a parada de Alfonso Molina á altura da antiga estación de autobuses.
Na saída desde o centro, accederán directamente pola avenida de Alfonso Molina á intermodal.
Os que sofren menos cambios son os do Corredor de Arteixo-Carballo-Costa da Morte. A proximidade da nova terminal permitirá un acceso directo desde esta avenida.
Preocupación das Asociacións
Dende FAVA Coruña recordan que solicitaron unha fase de exposición pública para estudar os cambios e presentar achegas, petición que foi rexeitada. Ante esta premura comparten a “preocupación e o malestar existentes entre os colectivos veciñais ante unha implantación que consideramos precipitada, sen información suficiente e sen un proceso previo de participación”.
Entre as cuestións que máis preocupan están a eliminación de paradas que prestaban un servizo importante, como a da Costa da Palloza; a distancia entre determinados puntos de paradas de subida e baixada, os problemas de tráfico que se poidan xerar na zona da avenida da Sardiñeira ou na zona de Catro Camiños, ou a falta de conexións en distintos núcleos da área metropolitana; e a concentración de servizos na parada provisional de Alfonso Molina, cuxa utilización podería prolongarse durante un tempo excesivo que poida superar a calquera provisionalidade.
Máis novas
Así sairán e entrarán os autobuses na nova terminal que abrirá o 3 de novembro
Albalat, A Cidade das Rías, a metrópole e o transporte público







