Levan dous anos en clave positiva, mobilizando dende un centro de ensino público a toda cidade e a toda unha afección para conseguir unha cousa que parece evidente: adecuar o topónimo do club á legalidade. En calquera caso, o valor da iniciativa #ODeporédaCoruña no marco do movemento #AquítaménseFala vai moito máis alá da legalidade, e recolle o sentir de todo un país: achegar o deportivismo á nosa lingua.
Parecía feito. Anunciaba un programa da RTVG a mediados de abril que o club ía anunciar en maio o cambio, e de filtrouse unha imaxe cunha das lonas do campo de adestramento de Abegondo co escudo “Real Club Deportivo A Coruña”. Porén, cando todo o mundo esperaba o anuncio oficial aproveitando o día da Letras Galegas, esa mesma semana o club anunciaba a creación dunha consulta aos socios sobre o topónimo... Un xerro de auga fría para todos os que esperábamos un paso evidente e necesario.
Mentres todo isto pasa, o club non se ten dirixido aos responsables do movemento, os coordinadores do IES Rafael Dieste en ningún momento. Ese desprezo a todo un movemento san nado dende abaixo, e que abrangue a toda unha provincia, fai saltar defintivamente aos Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reixía, que asinan este escrito:
Comunicado do Aquí tamén se fala
Desde o IES Rafael Dieste e desde a iniciativa “Aquí tamén se fala” queremos expresar publicamente a nosa fonda decepciónpola actitude mantida polo RC Deportivo ao longo destes dous anos coa campaña #oDéporédaCoruña.
Esta iniciativa naceu nas aulas dun instituto público da cidade e converteuse, co paso do tempo, nun movemento social, educativo e cultural sen precedentes arredor da identidade do club, da cidade e da lingua galega.
A campaña contou desde o primeiro momento co apoio de todos os institutos públicos da Coruña, así como de patrocinadores do club como Xunta de Galicia, Concello da Coruña, a Deputación; ademais da Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Universidade da Coruña, a Federación de Peñas, ex-capitáns do club, referentes culturais e deportivos e milleiros de persoas dentro e fóra do país.
Durante este tempo desenvolvemos un intenso traballo sempre desde unha posición construtiva, respectuosa e positiva: concertos multitudinarios, campañas audiovisuais, repartos masivos de adhesivos, accións culturais, presenza continuada nos medios de comunicación, iniciativas educativas impulsadas por alumnado e profesorado, recollidas de sinaturas e accións de dinamización social que lograron unha repercusión pública sen precedentes.
A pesar diso, a resposta institucional do club foi practicamente inexistente.
Non se nos quixo recoñecer como interlocutores válidos, malia representar unha mobilización social e educativa inéditaarredor dunha cuestión relacionada coa identidade colectiva do club e co uso do topónimo oficial da cidade, vixente legalmente desde hai máis de catro décadas.
Resulta especialmente doloroso que non existise nin unha mínima referencia pública ao traballo realizado por centos de mozos e mozas que, de maneira altruísta, levan dous anos defendendo con orgullo, respecto e ilusión unha reivindicación compartida por unha parte moi significativa do deportivismo.
Sorpréndenos tamén que, nun asunto relacionado coa legalidade toponímica e coa adecuación ao nome oficial da cidade, o club formule unha consulta pública presentando como equivalentes opcións que non o son desde o punto de vista institucional nin lingüístico.
Do mesmo xeito, preocupa que o deseño desa consulta contribúa a fragmentar artificialmente un consenso social moito máis amplo arredor da fórmula “da Coruña”, amplamente asumida por afeccionados, institucións e colectivos culturais e deportivos.
A actitude mantida cara ao IES Rafael Dieste –un centro público que leva décadas traballando nesta cidade pola educación, a integración e a cohesión social– parécenos, cando menos, pouco acorde coa dimensión humana e social que debería representar unha entidade da importancia do RC Deportivo.
Perante este reiterado silencio e a falta de recoñecemento institucional ao traballo desenvolvido, vémonos na obriga de iniciar unha nova etapa na comunicación pública da campaña e nas accións a desenvolver.
Facémolo por dignidade e por respecto ás persoas que participaron nela: alumnado, familias e profesorado que dedicaron tempo, esforzo e ilusión a unha iniciativa exemplar construída desde abaixo, de maneira colectiva e altruísta.
Porque o Deportivo, como xa berraron milleiros de persoas en Riazor e nas rúas da cidade, é da Coruña.
- Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reixía. (Promotores da iniciativa “Aquí tamén se fala” e da campaña #oDéporéDaCoruña)
Máis novas sobre o Aquítaménsefala
O Dépor realizará unha consulta vinculante aos seus abonados para galeguizar ou non o topónimo

