InicioA CORUÑA25 de xaneiro: a historia que vincula A Coruña con Santa Dwynwen,...

25 de xaneiro: a historia que vincula A Coruña con Santa Dwynwen, a princesa de Gales

Publicada o

Por editor
O xornalista, investigador e divulgador Manuel Gago recompilou hai uns días unha fermosa historia que ten á Coruña como protagonista. Unha historia que une esta cidade coas nacións celtas e que volve lembrar o vínculo común con Breogán.
A primeiros de ano na punta Hook (New Ross, Irlanda) lévase a cabo un singular ritual. Os arqueiros, aos pés do faro, lanzan cadansúa frechas ao mar. Un ritual que, curiosamente, tamén ten os seus vínculos coa Coruña e Galicia a través da Santa Dwynwen e as costas de Gales. Precisamente, este 25 é o día de Santa Dwynwen.
E que ten que ver A Coruña, as frechas e Santa Dwywen… Manuel Gago contouno neste interesante fío de Tuiter

Aquí o reproducimos:
Todos os primeiros de ano na punta Hook (New Ross, Irlanda) lévase a cabo un singular ritual. Os arqueiros, aos pés do faro, lanzan cadansúa flecha ao mar.
Non sabía que esta tradición íame conducir a unha das historias galegas e atlánticas máis fermosas que teño atopado.
A illa de Anglesey, en Gales / magago
O ritual de Hook Head evoluíu. Na Idade Moderna, cando o alcalde facía este ritual para asentar a propiedade municipal sobre esa entrada. Eran rituais sempre eran moi arcaizantes. En Galicia, na mesma época, os alcaldes percorrían o territorio pisando en vellas pedras sagradas.
Na conversa na rede sobre este ritual irlandés, Howard Huws comentou que na literatura galesa medieval aparecía un ritual semellante, citado en relación a un importante santuario da costa sur da illa de Anglesey.
Un ritual galeGo. Con G.
Como?
Viaxemos á illa de Anglesey, en Gales. Sóache non? Claro que soa.
Foi o último refuxio dos druídas británicos durante a conquista romana de Britannia. Escaparon á súa illa sagrada. Os romanos seguíronnos e masacráronos, rematando cos líderes espirituais dos britóns.
Moi preto da canle pola que entraron os romanos, e protexida por un estenso bosque -o único que sobrevive na illa de Anglesey, destaca de maneira singular Ynis Llanddwyn, unha especie de Lanzada galesa. E alí están as ruínas da capela e o pozo sagrado de Santa Dwynwen.
Aquí tedes, un lugar de beleza extraordinaria.
Unha illa singular, coas ruínas da capela, o campo da feira e o pozo sagrado de propiedades máxicas dedicados a esta rapaza, Dwynwen.
Foi abandonado durante a Reforma Anglicana. Pero a memoria de Dwynwen nunca desapareceu de Gales.
Dwynwen era unha das 24 fillas do rei de Brecon, ao sur de Gales. Estaba namorada do fillo do rei veciño. O rei negouse a que casaran e ela marchou cara o norte, ao reino de Gwynned, e retirouse á illa de Llanddwyn.
Hoxe é a matroa dos namorados galeses. Unha figura moi popular.
E na illa estaba o pozo de Dwynwen, con propiedades curativas e adivinatorias, como en Galicia. Nel habitaba un peixe ao que lle pedías o desexo de saber. Se o peixe subía á superficie e púñase a facer a mona, é que o teu amor duraría para sempre. Cuspidiño á troita de Viladonga.
Pois ben, imos alá.
Gales viviu na época medieval unha idade de ouro literaria (sóavos?). Cronistas, romanceiros e sobre todo bardos. Bardos que logo se converteron nun orgullo nacional. E que facían cancións en gabanza dos numerosos pequenos santuarios de peregrinación do país.
E un deles era Dafydd Trefor, que escribiu entre finais do século XV e principios do XVI. Gababa as multitudes que acudían á illa á romaría de santa Dwynwen. Que chegaban de todas partes. Que traían ofrendas. Que celebraban os miragres e as curacións.
E hai estes versos.
Versos en gaélico galés
Coa axuda de @trydarHH  podo ofrecervos a fascinante tradución destes versos, que celebran a sona atlántica de Santa Dwynwen. Os * son moedas. E as ‘prensas’ refírense posiblemente a viño e queixo.  E aí, últimos 4 versos, vedes algo marabilloso.
Tradución ao galego dos versos en gaélico galés
Desde as ‘rocas’ da Coruña (que poden ser murallas, pedras, ou castelos) practicábase un estraño e fascinante ritual, segundo o poema. Lanzar flechas ao Océano, para que as flechas viaxaran por ti en peregrinación, cruzando o mar céltico, ata o santuario de Dwynwen.
E reparade no que nos contan estes versos.
Algo lóxico, pero excepcional.
As nosas narrativas sempre enfatizan a chegada de peregrinos británicos e do norte a Galicia.
Pero isto cóntanos outra cousa.
Un mar que, por devocións, se percorre tamén desde Galicia cara o norte.
A presenza de Galicia na literatura galesa medieval é moi chamativa. Hai abundantes referencias a Iago (Santiago) e a Grwyn (A Coruña). E son referencias felices. Un contemporáneo de Trefor, Tudur Aled, fala das “grâbs o’r Grwyn”, os ‘bagos da Coruña’.
E o poeta Lewys Glyn Cothi, gabando á matrona Siwan Du, celebra como cunha man terma das contas do rosario e coa outra escancia o viño e os cornos de hidromel que chegan a través do Mar de Santiago.
Si, o Mar de Santiago.
Môr Iago.
Mirade que fermoso.
Porque para os galeses medievais o golfo de Biscaia, o Celtic Sea, é Môr Iago, o mar de Santiago. O territorio compartido por devocións e rutas santas de peregrinación, pero polos que atravesan as máis saborosas manxares xunto coas piedades.
Santa Dwynwen / @magago

E hai algo máis con respecto a santa Dwynwen e o Môr Iago.

Algo que vos vai encantar.
Imos á aldeíña máis próxima ao santuario, Abberffraw.
Este pequeno e encantador lugar foi na Idade Media unha corte real.
Entre os séculos IX e XII, a coincidir coa etapa de esplendor do reino de Galicia, aquí estaba o llys, a corte principesca do mítico reino de Gwynnedd. Conectada por mar co resto dos territorios atlánticos. O reino da enseña de Cadwaladr.
E de posibles contactos reais esquencidos, e das navegacións do bravo Mar de Santiago, e da peregrinación da santiña, nesta aldea sobrevive desde hai centos de anos un delicioso recordo deses contactos. As ‘cacen Iago’, os boliños de Santiago. Feitos coas cunchas de vieiras.
É unha historia tan fermosa e descoñecida que custa asimilar.
E un exemplo do baleiro de coñecemento sobre o noso pasado.
E digo eu unha cousa.
Santa Dwynwen vai ser o vindeiro 25 de xaneiro.
Os voos de avión van caros.
Pero os nosos devanceiros tiñan solución para todo.
Xa que temos o vórtice máxico atlántico máis poderoso, por que non enviamos o 25 de xaneiro, desde as rochas da Torre de Hércules, as nosas flechas, como votos e como recordos, a Santa Dwynwen?
Flechas biodegradables.
Flechas que leven connosco séculos de tempo.

ÚLTIMAS

Olladas doutro tempo: Praza de Ourense

Unha fotografía de Sellier a pé de rúa é o máis parecido a unha...

Un home enfróntase a 6 anos de prisión por abuso sexual a menor e delito continuado de ‘sexting’

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgará o luns, día 4, a un home...

Conclúen os traballos de restauración do monumento a Alexandre Bóveda na praza de Xosé Toubes

O Concello da Coruña concluíu esta semana os traballos de restauración do monumento a...

Homenaxe a Ánxel Casal, Fernández Flórez e Carré Alvarellos no cemiterio de San Amaro: “Construíron unha Coruña máis libre, cultural e galega”

O primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, José Manuel Lage, presidiu este venres, Día de Todos...

1 COMENTARIO

  1. Encantame este artículo. Fermosa lenda, que nos une. Non sei se poderei acercarme ata a Torre hoxe, pero sen dubida, pensarei en enviar a miña flecha dende o corazón

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here