InicioCULTURACoruña, a capital do Día das Letras galegas este 2023

Coruña, a capital do Día das Letras galegas este 2023

Publicada o

Por patriciaotero

O 2 de febreiro de 1923 morría na Coruña Manuel Murguía. Unha multitude daríalle o último adeus dous días máis tarde na mesma cidade na que viviu os seus últimos anos. O cortexo fúnebre percorreu as rúas coruñesas antes de que os restos mortais do primeiro presidente da Real Academia Galega recibisen sepultura en Santo Amaro. Alí, ao pé da súa tumba, abriranse o vindeiro martes, 1 de febreiro, os actos de conmemoración do centenario do seu pasamento.

Ás 12:00 do mediodía descubrirase unha placa conmemorativa encargada pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña ao deseñador Pepe Barro, e posteriormente, ás 13:00 horas, celebrarase un acto institucional no salón de plenos do pazo de María Pita.

Na sesión no consistorio coruñés, o académico de número e director da Sección de Historia da Real Academia Galega, Ramón Villares, será o encargado de lembrar a figura de Manuel Murguía, o seu pensamento e o seu legado. “Murguía é figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna”, sitúa o historiador.

Conmemorar o centenario da súa morte, que é tamén case o centenario do seu nacemento (Murguía naceu en 1833 no veciño concello de Arteixo), significa rescatar e poñer en valor tres aspectos esenciais, explica Ramón Villares.

“O primeiro deles é a contribución a crear a historia de Galicia, como un relato global interpretativo do ser de Galicia; o traballo político, como dirixente do rexionalismo de orientación liberal, colocando Galicia no contexto político peninsular, con Cataluña e o País Vasco como piares do que significaba a revista La España Regional; e, por último, a institucionalización da cultura galega mediante a fundación da Real Academia Galega, coa axuda das colectividades da emigración, nomeadamente da Asociación Protectora de La Habana, dirixida por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez”, debulla o catedrático emérito de Historia Contemporánea. “En suma, a Galicia actual sería moi distinta sen o traballo de figuras excepcionais como Murguía”, conclúe.

ÚLTIMAS

Os educadores do Programa Lecer consideran unha “falta de respecto” a falta da empresa e do Concello na primeira conciliación

Novo fito do conflito do Programa de Lecer. Mentres pasan as semanas e os...

EscapeMotor, o espazo radiofónico máis potente da provincia faise na CUAC FM

Cada xoves, ás 23:00h, as ondas da 103.4FM CUACFM acenden o motor. Xurxo Varela...

O BNG abre a porta a unha moción de censura en Cambre contra o goberno do PP

O portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Cambre, Dani Carballada, asegurou...

A Xunta licita por 51,5 millóns 264 vivendas públicas en Xuxán e reclama ao Estado “axilidade” co Plan de Vivenda

A Xunta de Galicia vén de licitar por 51,5 millóns de euros a redacción...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here