Apaixoado das redes sociais, da rede, e do mundo das emerxencias, leva anos fusionando as dúas afeccions a través da conta de twitter @VOSTGalicia (Virtual Operation Support Team) e na colaborando na conta @cre_emergencias da Cruz Roja Española.
Ante o temporal de vento, mar, neve e choiva, extrema as medidas de auto protección especialmente na:
➡️ Costa da provincia de #ACoruña por ondas de ata 8 metros.
➡️ Mariña de #Lugo por refachos de vento superiores a 140km/h.
➡️ Montaña de #Ourense e #Lugo por neve.#Sentidiño— VOST GALICIA (@VOSTgalicia) January 16, 2023
Javier Varela (@jvarela__) forma parte, dende a súa fundación en Galicia, deste Equipo de Voluntarios Dixitais en Emerxencias, sendo unha das grandes referencias da activa rede herculina.
Forma parte ademais parte dun grupo de whastapp cos “mosquituiteiros” @sindonovoa, _uxio, @silcerino, @isi_73.
A meirande parte prefiren ficar no anonimato. “Hai xente que lle gusta aportar ese dato de interese, pero non quere ser a noticia en si, só quere axudar ou compartir información que poida ser útil á poboación e á cidade”, explica Varela, a pesar de non ser o seu caso. “Tantos anos detrás dunha conta de redes sociais, non deixas de ser a foto da cidade. Tiñamos a coña con @EloyTp de que era un bot, que estaban en todas partes”, comenta entre risas.
- É a rede de Coruña tan activa como parece?
Si moitísimo, porque hai persoas precisamente como estas están aí. Dende a desaparición dun peluche, que para un neno é unha catástrofe, para darlle un retuit, ou para cousas máis graves. Sempre axudando. E conseguiron unha relación coas xentes da rúa que lles permite que moitas veces informen antes que as contas oficiais.
- E a nivel institucional?
Pois por exemplo, a conta @Concellocoruna é moi boa. A conta de @policia_coruna, malia nacer de forma oficiosa, funciona moi ben tamén. Podería ser algo máis fluida coa xente, pero bueno, xestionar unha cidade tan grande é moi complexo.
Hai tamén cousas curiosas como a dos bombeiros, que ten dúas contas: @BomberosCoruna é a oficial pero ten máis peso @bombeiroscoruna. O bo é que comparten información.
- Xa a nivel persoal. Canto tempo levas enganchado á rede? De pequeno xa eras o clásico neno que tiña un spectrum e unha dreamcast?
Pois a veradde é que nunca tiven ordenador ata 6º ou 7º de EXB. Si que era unha cousa que sempre me gustou, pero entendía como unha ferramenta para pasar o tempo. A relación coas tecnoloxías foi medrando. “Friki tecnoloxico”, podería ser, si, sempre no bo sentido.
- Como é a túa formación e a túa carreira profesional?
Fixen moitas cousas, a verdade, pero oficial, Transporte Sanitario. Estiven 9 anos e pico no exército. Depsois estiven de administrativo nunha empresa. Logo nunha empresa de ambulancias, nun gabiente de comunicación… fixen un pouco de todo. Agora unha empresa de mantemento informático a unha multinacional. Polo camiño fixen un ciclo de mantemento informático, aínda que non o rematei, porque me chegou unha oferta de emprego e aceptei.
- Ostrás, o Exército. Conta conta, como foi esa experiencia?
Estaba na Armada, e era sonarista, a miña especialidade. Os que fan ruidiños debaixo da auga. Estiven moito por Cartaxena, Rota e Ferrol. Para min foi unha gran experiencia. Como calquera traballo, podes levalo ben ou non. Eu non tiven que facer a mili, pero aos 18 anos xa me metín no exército. E foi unha época moi boa da miña vida, coñecín moitísimo mundo, moitos amigos cos que aínda teño relación… Non lle poño nin un “pero” ao meu periplo.
- E como chegas ao mundo das emerxencias?
Xa dende o ano 95 comecei como voluntario da Cruz Vermella, facendo servizo de ambulancias, como servizos preventivos (manifestacións, partidos…). Participei en moitos proxectos como o prigrama de maiores, salvamento marítimo, formación de voluntari@s… toquei todos os paus da institución.
- Cando activas @VOSTGalicia?
En 2013, un mes antes do accidente do Alvia, puxen a funcionar a canle VostGalicia, que non Vox Galicia…
- Vaia momento… E cales son os principais obxectivos da conta?
A nosa función principal é a loita contra a desinformación en redes, contra os bulos a través da etiqueta #StopBulos. A nivel estatal as contas de VOST saíron a raíz dos incendios de Valencia de 2012, cando unha conta oficial da Policía comeuse uns bulos sobre a necesidade de acodir a levar medios a un incendio. E foi un caos.
Ademais damos apoio e ampliamos os contidos ás contas oficiais, como do 112, con profesionais voluntarios. Tamén avisamos de adversos metereolóxico, cando é relevante, porque cando hai alerta amarela por chuvia non me preocupa. Preocúpame máis cando a xente curza as balizas dun parque, ou hai unha persoa despreocupada que en pleno temporal se achega á caracola, logo vén unha ola e te leva por diante… que risas se te deixa na beira, pero que gran despregadura de recursos se caes ao mar, e que sorte se sobrevives…
Tamén actuamos como iniciativa propia en caso de Emerxencia. Por exemplo, co Alvia, a nosa conta foi unha das primeiras que daba información contrastada sobre o suceso. Traballábamos de forma coordinada con organismos oficiais, co que conseguimos parar o bulo de que podía ser un atentado.
En VOST traballamos moito a monitorización das redes. Temos, por dicilo dun xeito coloquial, “espías” en grupos de Whatsapp, e con certas palabras claves, e de xeito voluntario, analizamos o que está a pasar nas redes.
- E en 2018, despois con toda a túa bagaxe, chegas no gabinete de comunicación do @112Galicia? Un soño, non?
As emerxencias son o meu punto. A miña vida pasa por elas, a verdade. E estar no 112 é o TOP. Máis arriba pode ser traballar en @policia, @gardacivil, pero en Galicia o @112Galicia é o top.
Fun chamado ao departamento de redes sociais polo meu coñecemento nas mesmas. Adicábame, ademais das cousas obrigadas do departamento, á monitorización seguemento, informes de redes… todo o sexa a mellora para chegar á maior número de persoas posible. No departamento hai máis profesionais, periodistas para redacción, para infografías… E foi unha experiencia moi boa. Non son periodista pero case foi unha carreira. Xa tiña moito coidado á hora de publicar un tuit, pero agora préstolle moita atención á redacción. Sei que podo pecar nalgunha ocasión de que fago como Yoda. É o meu estilo.
- E por que o deixaches?
Estiven 4 anos, pero era moita viaxe ata a Estrada. Hora e media ida e hora e media volta… Ofrecéronme ademais un posto na empresa actual, coas mesmas condicións, aquí na Grela. Foi unha gran perda porque o meu mundo son as emerxencias pero a verdade é que estou ben agora… ata engordei uns cantos quilos de máis…
- Consideras positiva a integración do servizo de emerxencias que se viviu en Galicia?
A integración no Centro Integrado de Artención á Cidadanía é importante porque ese paso de información interna é importante á hora de saber que recursos se poden destinar nunha emerxencia. Está ben que haia outros números oficiais como o 092, 085… Pero é mellor xestionar as emerxencias (que non calquera cousa é emerxencia, ollo), dende o 112, e o operador xa se encargará de derivar a quen sexa convinte.
- Facendo unha retrospectiva máis xeral, que aportaron as redes sociais ao mundo das emerxencias?
As redes socias supuxeron un punto de inflexión e un cambio de paradigma na comunicación. Antes a comunicación era unidireccional, un medio ou unha institución publicaba e a xente escoitaba. Non había ese regreso da información. O que se chama a democratización das emerxencias, hai un falante que escoita, pero que tamén conta. Agora temos unha retroalimentación e podemos facer unha composición máis exacta dos feitos, e dar unha mensaxe máis completa, contrastada e real.
O gran perigo é que a información non estea avalada por contas oficiais, como @Xunta, @112Galicia, os GES, as Agrupacións Protección Civil, Policía Local, Incendios085 ou Bombeiros.
E non todo é xestionable. Se me mandan unha foto dun monte, ten que estar xeolocalizada. Temos que ter moito ollo a quen lle damos pábulo. Porque as redes sociais baséanse nunha rede de confianza. Por que contan con VOST? Porque estamos abalados pola nosa reputación de levar 10 anos traballando nas emerxencias dando información contrastada. E cando metemos a pata tamén o recoñecemos.
- Si? Liáchela algunha vez?
Si, por exemplo, no de Cotobade cometimos un erro. Pero hai que saber rectificar, non pasa nada. Non estou a favor de que se borre un tuit cando xa leva tempo “curado”. Podes borralo se leva 15 segundos, 1 minuto. Pero se xa leva tempo, fai unha rectificación explicándoo e non pasa nada. Somos persoas os que estamos detrás das contas, hai que entendelo.
- Que malas prácticas tes atopado na rede en materia de comunicación de emerxencias?
Por exemplo, cando un medio informa dos nomes dos falecementos de persoas. Nas emerxencias hai que seguir uns cauces. Pode ser noticiable pero hai que agardar a que sexan informadas as familias. É un tema complexo, e cada medio ten a súa liña editorial, pero ti es o lector e tes que decidir. Se non queres ver imaxes cruentas, non o leas.
Por exemplo, nun suicidio a nova non está en que esa persoa quitouse a vida. A nova está en cantas persoas perden a vida polo suicidio. Hai que saber enfocar a nova real.
E non entendo porque non se fala máis de temas de saúde mental, falar é prevención. Estamos falando da primeira causa de morte, e case non se fala nada. Certo que cambiou a mentalidade dos profesionais ao afrontar un asunto, e se antes se pensaba que era para chamar a atención, agora si que lle dan a importancia que ten, pero é necesario falar moito máis.
- 3 episodios que viviches que che marcaron especialmente.
O accidente do Alvia, por varios motivos. O primeiro polo tráxico suceso que foi. Pero tamén me coincidiu nun momento no que meu pai estaba ingresado, e tamén un pasaxeiro no tren era familiar meu. Tiña un combo bastante interesante. Marcoume. Non quere dicir que quedase afectado, pero si que foi unha moi importante para min.
Outra que me marcou era cando caeu o Vertedeiro de Bens. Xa era xefe de dispositivo da Cruz Vermella, coordinando ás axendas. Fun o último en saír, e cando se realoxou á xente do Portiño tamén estiven no pavillón. Creo que tiña 17 anos… foi unha experiencia tremenda.
Non vivín o Prestige, porque estaba en Cartaxena nese tempo, pero despois si que tivemos o accidente do Rally de Carral, o incendio de Fandicosta, os grandes incendios que se viviron en Galicia en 2015, que intervimos un mes continuo sen descanso… o accidente do bus de Cotobade… Intervimos en tantas emerxencias…
- Os que vivides aí dentro, sabedes por que as novas máis visitadas de todos os periódicos son os sucesos?
O morbo. Gusta a merda. É o que tira.