Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), un trastorno mental caracterízase por una “alteración clinicamente significativa da cognición, a regulación das emociones ou o comportamento dun individuo”. Xeralmente, este tipo de trastorno vai acompañado dunha sintomatoloxía que compromete a funcionalidade e a inserción social do que o padece.
Precisamente a OMS publicou recentemente o exame máis completo sobre saúde mental desde primeiros de século, un minucioso traballo no que, ademais de ofrecer datos abrumadores, insta ós gobernos, as institución educativas, os profesionais da saúde e á sociedade en xeral a que asuman un compromiso forte de transformar a saúde mental.
Os trastornos mentais son a primeira causa de discapacidade e tamén son causa de suicidios, mortes prematuras, enfermidades, abusos ou comportamentos violentos. Un escenario que coa pandemia COVID-19 non fixo máis que agravarse deixando una forte pegada: segundo UNICEF os trastornos de saúde mental dos menores incrementáronse nun 47%. Estamos a falar de depresión, ansiedade, trastorno bipolar, trastorno do comportamento, condutas autolesivas ou problemas alimentarios como anorexia ou bulimia, entre outros moitos.
Existen factores ou circunstancias adversas como a pobreza, as desigualdades económicas, a falta de recursos ou a carencia de habilidades relacionais que poden ser unha boa semente para un trastorno mental, pero tamén existe un arsenal de ferramentas protectoras individuais (xenética, xestión emocional) e sociais que poden facer unha labor preventiva ou modificar o curso de moitos trastornos en aras dunha maior calidade de vida.
Pese a que un trastorno mental non distingue de idades, convén salientar que a adolescencia, período de grandes cambios, é o momento crucial para a interiorización e desenvolvemento dos hábitos sociais e emocionais, así como a instauración de patróns de conduta saudables, porque, en ocasións, un problema de saúde mental non xestionado pode levar ó illamento algo que, co tempo, podería desembocar en suicidio. Compre dicir que o noso país sitúase como o país europeo con maior prevalencia de problemas de saúde mental entre nenos e adolescentes. Por si iso fora pouco, as estatísticas do 2021 deixan uns datos arrepiantes: 4.003 suicidios no noso país, duplicándose o número en menores de 15 anos respecto ó 2020 e confirmándose como primeira causa de morte entre rapaces entre 15 e 29 anos por riba dos accidentes de tráfico e os tumores. Detrás de cada suicidio efectivo, adoita haber moitos intentos, e detrás de todos eles hai moitas familias que sofren unha situación totalmente invisibilizada con escasos ou nulos recursos para facerlle fronte.
Pero aínda hai máis. Hoxe en día todos somos conscientes dos grandes problemas que afectan a esta etapa da vida: presión social por pertencer a un grupo, adicción ás tecnoloxías, conflitos interxeneracionais, ausencia de límites na educación, ausencia de control emocional, actitudes tolerantes ou, simplemente, ou un maior acceso á violencia explícita a través dos videoxogos ou redes sociais, algo que, en exceso, pode derivar en síntomas depresivos ou nunha actitude máis favorable cara a violencia. Neste escenario incerto, é necesario preguntarse en que momento os adolescentes deciden saír da casa cunha navalla no peto e facer uso dela sen ningún tipo de miramento. Problemas de conducta e de violencia, trastornos ós que tampouco estamos á altura de dar solución como sistema. Sen dúbida, algo estamos facendo mal. Nas nosas mans está a oportunidade de abrir as portas ó cambio.
Parafraseando ó director xeral da OMS, o Dr. Tedros Adhanom Ghebreyesus, “a inversión en saúde mental é unha inversión nunha vida e nun futuro mellor para todos”.
Ana Díaz Cortés, socióloga, doutora en Saúde e Dependencia pola UDC.