InicioCULTURAO FIGA fará unha chamada á diversidade e á inclusión no sector...

O FIGA fará unha chamada á diversidade e á inclusión no sector audiovisual

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Despois do primeiro avance lanzado a semana pasada, esta mañá de xoves 30 de outubro tivo lugar a presentación do III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA). Unha cita que converterá a próxima semana a cidade da Coruña no epicentro da reflexión sobre a diversidade e a inclusión no audiovisual.

Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña, o encontro celebrarase do 5 ao 7 de novembro no Espacio Avenida e nos Cantones Cines, e reunirá durante tres días a creadoras, profesionais e especialistas galegos e estatais para abordar os desafíos e oportunidades dun audiovisual máis plural.

A vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Carmen Méndez, destacou que “FIGA naceu como un espazo de diálogo e crecemento colectivo, e nesta terceira edición consolídase como un foro imprescindible para pensar un audiovisual galego máis plural, accesible e comprometido coa realidade diversa da nosa sociedade”.

O programa de FIGA

A programación desta edición, comisariada pola xestora cultural Salima Jirari, especialista en diversidade, igualdade e inclusión, combina proxeccións, charlas e mesas redondas que percorren diferentes dimensións da representación e da pluralidade no audiovisual contemporáneo.

O foro abrirase cun estudo de caso do Festival Norte Cinema Diverso, da man de Fito Ferreiro e Alfonso Hermida, e continuará coa proxección dunha selección de curtametraxes do certame —An avocado pit, de Ary Zara; O coidado, de Miguel Canalejo; e Ese lugar partido, de Pablo Santidrián e Inés Pintor—, presentadas polos seus autores. A inauguración culminará coa performance Flúor significa escuridade, da creadora e performer Nuria Vil, unha peza que combina poesía, corpo e música electrónica e que explora as emocións colectivas desde unha linguaxe poética e visual.

O segundo día abrirá con Radiografía: representación e diversidade en cifras, unha charla a cargo de Salva Tabone, coordinador de investigación do Observatorio para a Diversidade no Audiovisual, que achegará datos e análises sobre a realidade da representación nos medios. Seguiralle a conversa Recursos para imaxinar unha industria máis plural, con Mel Estaba, Gema Arquero, Nati Juncal e Bárbara Tardón, catro profesionais que abordarán ferramentas prácticas e experiencias transformadoras dende o feminismo e as narrativas queer.

A continuación, a mesa Describindo a norma, moderada por Anxos Fazáns, reunirá a Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Javi Ferreiro e Eva Libertad para analizar como o cinema pode cuestionar os marcos tradicionais de representación. Pola tarde, Novas perspectivas na produción, moderada por Silvia Fuentes, contará con Gema Arquero, Charli Bujosa, Bea Saiáns e Nati Juncal, centrando o debate na produción audiovisual como espazo de diversidade e transformación.

A xornada rematará coa proxección de Sorda, filme dirixido por Eva Libertad e preseleccionado pola Academia de Cine para representar a España nos Premios Oscar, seguida dun coloquio coa directora, moderado por Salima Jirari.

O venres, FIGA poñerá o foco nos novos roles emerxentes dentro do sector, con voces como Lola Clavo, Pablo Romero e Salima Jirari, moderadas por Fon Cortizo, nun diálogo sobre a importancia da coordinación de intimidade e da accesibilidade nas producións.

De seguido, a mesa O persoal é cinematográfico, con Alejandro Marín, Afioco Gnecco, Jiajie Yu Yan e Xiana do Teixeiro, moderada por Ángel Filgueira, explorará a relación entre identidade, memoria e creación audiovisual.

Xa pola tarde, O casting como oportunidade para ampliar imaxinarios, moderada por Saamira Ganay, reunirá a Kathy Sey, Camila Bossa, Laura Galán e Miriam Garlo, nun diálogo sobre a representación diversa e o impacto das eleccións de elenco na construción de novos relatos.

O foro pechará coa proxección de La Furia, filme protagonizado por Ángela Cervantes e Àlex Monner, un drama sobre o trauma e a creación escénica, acompañado dun coloquio coa produtora Mireia Graell, moderado pola escritora Andrea Nunes.

Inscrición e acceso

As entradas teñen un custo simbólico de 5 euros por día en concepto de reserva de praza, devoltos integramente ás persoas asistentes. O formulario de inscrición está dispoñible na web da Academia Galega do Audiovisual.

 

Máis info

O FIGA afondará na Coruña sobre a diversidade do audiovisual galego

ÚLTIMAS

A Universidade Laboral de Culleredo, o sexto centro de excelencia en FP de Galicia

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Universidade Laboral de Culleredo incorporouse, na especialidade...

A Coruña instalará case tres millóns de luces polo Nadal, con Bebeto como protagonista o día do acendido

A Coruña instalará case tres millóns de luces led e medio milleiro de arcos,...

Sanidade establece servizos mínimos para a folga do persoal celador do CHUAC

A Consellería de Sanidade publicou no Diario Oficial de Galicia os servizos mínimos para...

O Consello Municipal da Cultura acorda a creación de dos grupos sectorias de “Artes Vivas” e “Patrimonio Cultural”

O Salón Dourado do Palacio Municipal de María Pita acollía onte unha nova sesión...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here