Temos diante a fotografía considerada máis antiga da Historia da nosa cidade. Estivo
agochada durante anos nun museo ó outro lado do mundo e sae á luz case por casualidade da man dunha galega: Marisa Rey, de Fene. Esta muller é unha grande afeccionada ás fotografías antigas de Galicia e durante o confinamento que nos retivo a todos pechados con motivo da pandemia de COVID, ela adicou moito tempo a facer buscas dende a casa. Consultou catálogos de museos, entre eles o Getty Museum de Los Angeles, nos Estados Unidos. Na listaxe de imaxes alí gardadas chamoulle a atención unha titulada “Coruña”, e datada nada menos que en 1858. Ata ese momento, considerábase como a foto máis antiga a “Vista panorámica da Coruña”, tomada por Antonio Avrillón en 1860. Pero este novo descubrimento podería rebaixar esa data en dous anos. O problema era que a obra non estaba dixitalizada, así que Marisa solicitou vía internet ó museo californiano que lle enviase unha copia en formato dixital. Agardou por ela oito longos meses, e cando chegou puido publicala no grupo de facebook Ollar Galicia.
A orixinal está protexids cun cartón coa verba “Coruña” escrita a lápis polo propio autor, o
irlandés Sir John Joscelyn Coghill. Este fotógrafo fixo unha viaxe por España en 1858, relatada por el mesmo o ano seguinte no “Journal of the Photographic Society”. Nesa viaxe visitou Coruña, Santiago e Vigo, e consta que na nosa urbe fixo unha fotografía no xardín de San Carlos e outra polas rúas da cidade, a cal posiblemente sexa esta que estamos a ver.
A aparición da imaxe provocou unha revolta, con opinións de todo tipo. Abriuse un debate
sobre se realmente era Coruña o que aparecía nela. E no caso de ser unha rúa coruñesa, tamén discutíanse varias teorías arredor da súa posible localización.
O catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago Alfredo Vigo Trasancos consultou planos para descartar a Praza de Azcárraga como opción. O Historiador coruñés
Xosé Alfeirán destaca a farola de gas na que está apoidado o personaxe da foto, pois nesa
época Coruña é a única Cidade Galega con ese servizo, instalado en 1854. Non chegaría a
outras cidades como Ferrol, Santiago ou Vigo ate case trinta anos máis tarde. Alfeirán opina, ademáis, que o que se ve na imaxe é un posto de carreteiros, onde se alugaban carros e bestas para o transporte de mercadorías. E na súa opinión, o home da farola podería ser o encargado do negocio. Agora parece que xa está totalmente probado que a localización da imaxe é a confluencia da rúa Luchana coa avenida da Marina. Así o asegura Xosé Lois Martínez, arquitecto e catedrático emérito da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
A belísima imaxe non só nos permite apreciar a arquitectura perdida, senón que ademáis nos fai viaxar no tempo con esta vista a pé de rúa, palpando o ambiente do barrio da Pescadería coruñesa a meiados do século dezanove.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.
Muchas gracias! 🙂