InicioOPINIÓNOs barrios a través das asociacións deportivas

Os barrios a través das asociacións deportivas

Publicada o

Por Ricardo Vales
Os coruñeses sempre foron moi aficionados ao fútbol, ata o ponto de praticalo dende moi cativos, de tal xeito que en caseque  todos os barrios xordiran sociedades deportivas. De aí que A Coruña albergue, espalladas por todos os seus recunchos, diversas asociacións onde se mixtura o compoñente deportivo e o recreativo. Non dispoñen de moita proxeción mediática, pero son testemuña silenciosa da súa historia. Son os clubes modestos de fútbol, onde unha parte importante da veciñanza atopa o esparcimento, a convivencia e a amizade. Representan esa clase de signos que deixan marca e, consecuentemente, poden considerarse ata sociais. Son, algo así, como unha consciencia de barrio porque para moitos coruñeses convértense nun espello inmellorábel que lles permite acentuar aínda máis o especial orgullo do barrio no que viven, ilusionándose por cada vitoria do seu equipo. Tras estas entidades escóndese unha peculiarísima personalidade dos barrios coruñeses, mais tamén son todo un síntoma de veciñanza.
Sporting Coruñés / SC SD
Sporting Coruñés / SC SD
Hai momentos que nos traen toda a infancia e xuventude de golpe. A miña é simple, o fútbol, ao que recurría como un entretido pasatempo. Entre os nomes memorabeis estaban Luis Suárez Miramontes e Amancio Amaro Varela. O primeiro, formouse no Perseverancia,  promovido polo párroco Carballo, da igrexa de Santo Tomas, mentres que o segundo fixoo no Victoria. Ambos acadaron a gloria a nivel internacional. Mais tamén hai outros nomes que emerxeron da man de clubs modestos como Carlos Pellicer (Liceo de Monelos), Manolete (Deportivo Ciudad), Beci (Orzán), Loureda (Sporting Coruñés), Seoane (Sin Querer), Pepe Vales (Oza Juvenil), Pepe Pousada (Español) e  Andrés Pardo (Galicia Gaiteira), que, en diferentes etapas, xogaron no Deportivo. Dos actuais, sirvan como exemplo clarificador, os casos de Alex Bergantiños (Imperator), ou Lucas Pérez e Raúl Carnero (Victoria). No momento de escreber estas liñas, só poido confiar na miña memoria para enumerar estos nomes, e ben sabido é que esta resulta, as veces, moi traizoeira. Así que como comprenderán, a nómina sería extensísima logo dunha exhaustiva contabilidade se nos mergullamos naqueles partidos da década dos 70 celebrados no mítico campo da Granxa, algo así como o paraíso do fútbol modesto coruñés, e lembramos con nostalxia a aqueles anónimos persoaxes encargados de transportar o material en coches ou furgonetas particulares que sempre viaxaban, ao menos, co triple da súa capacidade, pero que sempre estaban dispostos a enterrar as súas vidas polo cariño aos seus clubes e que, desgraciadamente, tenden a esquecerse.
Moitas son as curiosidades que encerran estas sociedades. Un rápido percorrido por algúns dos seus locais, permite descobrer unha decoración similar recargada de vitrinas con trofeos, retratos, nomes raiados nalgunha madeira, e animada clientela que se dan cita para beber, charlar, xogar as cartas, dominó, bingo ou ler calquera xornal ou revista que estea dispoñibel, pero que tamén acolle acaloradas tertulias con todo luxo de detalles sobre o que prefiren para as vindeiras eleizóns municipais ou xerais. Xente do común, a que se curra a vida a cotío, pais, fillos e amas de casa que transitan coas bolsas da compra e que acuden a curar ou aliviar as súas penas polo procedemento de narrar os seus problemas con toda clase de pelos e sinais, á procura da comprensión dos presentes; a veciñanza, en suma, sen distincións sociais.
Hoxe, estas entidades seguen a fascinar a unha grande parte da veciñanza porque  son veículo apropiado para o desenvolvemento das súas capacidades de lecer e porque, á súa vez, poucos recintos da cidade reflicten tan claramente os contrastes dos barrios. O fútbol cristalizou na Coruña como un espectáculo de masas e para comprobalo non hai máis que patear o Paseo Marítimo un día de partido en Riazor e contemplar lexións de seareiros ataviados cas cores do Deportivo á procura de adentrarse no Estadio para estimular ao equipo cos berros de Forza Dépor! Mentres tanto, as sociedades deportivas seguirán a marcar boa parte do ritmo dos barrios coruñeses.
  • Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común.

ÚLTIMAS

O Concello sacará a concurso o contrato para o novo Plan de Equipamentos Deportivos

No marco da folga de conserxes, pero sen facer referencia algunha, o Concello da...

Ollo, cortes en Alfonso Molina na saída cara á AP-9/Palavea este martes

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, que realiza o Ministerio...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

Renfe prestará servizo con 500 servizos de bus para facilitar a mobilidade polas obras na estación da Coruña

Renfe modificará o servizo e habilitará un plan alternativo de transporte por estrada con...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here