Ao final da ditadura e principios da transición xa non resultaba indiferente para a veciñanza coruñesa preocuparse polos problemas dos barrios. Cuestións como sumidoiros, pontos de luz, pavimentación ou equipamentos públicos serven como banderín de enganche para que unha cidade reprimida e sometida estoupara por todos os lados. Participar a través das organizacións encargadas de canalizar todo ese capítulo de reivindicacións mais, a súa vez, capaces de interpretar a realidade do momento, resultaba indispensábel. Os seus impulsores eran persoas que asumían un gran compromiso social e trala morte do ditador tiveron o contexto histórico máis favorábel para converterse en imprescindibeis, orientando os prantexamentos de todas as decisións adoptadas en asembleas.
Para situarnos na época, sirvan como botón de mostra cuestións como a calificación da canteira de Santa Margarita, que a veciñanza reclamaba como zona verde, a construcción de aparcamentos soterrados no centro da cidade ou a revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM), cuxo documento foi obxeto de roubo das dependencias municipais, provocando a primeira gran manifestación contra a derradeira corporación franquista baixo a sospeita de que trala desaparición agochábanse potentes intereses particulares máis proclives a un texto de corte especulativo. Lembro grandes cartaces con fondo rigurosamente negro, ilustrados coa figura do alcalde escapando cunha maleta, espallados por toda a cidade. Contemplar aqueles feitos, 47 anos despois, significa dúas cousas: primeiro, considerar a cultura da época simbolizada polo propio alcalde, José Manuel Liaño Flores, que encarga ao concelleiro Alfonso Salazar Pichel, un coñecido constructor da cidade, a supervisión de todos os traballos relacionados coa revisión do PXOM; segundo, situalo nun contexto de resistencia da veciñanza que abriu algunhas fendas nas ríxidas estructuras da corporación franquista. Un alcalde acosado, como fechado nunha fortaleza: inmellorábel ocasión para o tan ansiado cambeo, que se escenifica coa toma de posesión da primeira corporación democrática o 19 de abril de 1979, capitaneada polo nacionalista Domingos Merino.
Moitos daqueles feitos resúltanme entrañabeis polo momento en que se produciron e quedaron gardados na miña memoria colectiva xunto a outros da etapa vazquista como a construcción do Palacio de Congresos, o Casino do Atlántico ou a parcela da Cubela, mais ningún tan decisivo como a Cidade Deportiva da Torre, hoxe bautizada co nome do mítico Arsenio Iglesias. Chegamos aos anos oitenta e aquel acontecemento foi unha atalaia privilexiada da efervescencia reivindicativa do barrio de Atochas-Monte Alto fronte aos intentos da xunta directiva do R.C. Deportivo, presidida por Antonio Álvarez Rodríguez, de privatizar un espazo catalogado no planeamento urbanístico como zona verde. A marca da asociación veciñal do barrio fíxose tan omnipresente, que facendo horas extraordinarias, logrou encher a sartén da Torre de Hércules. A campaña veciñal foi vigorosa, deixando ouvir a súa reivindicación en todos os lugares posibeis, circunstancia que obrigou ao entón concelleiro de Urbanismo, Rafael Bárez, a poñer toda a carne no asador para impedir que o Deportivo puidera privatizar un espazo público. Un feito que marcou un hito e que serviu para tomar o pulso á trascendencia da participación veciñal da época.
Hoxe, grazas a aquela batalla, a Cidade Deportiva Arsenio Iglesias é un recinto público onde o son de fondo son os consellos dos entrenadores, os ánimos dos pais e amigos a rapaces que entrenan e xogan alí e que conforman unha auténtica emoción e quen sabe, si moitos deles coñecerán a gloria. Transcurrido tanto tempo, aquel feito merece lembrarse, aínda que a pretensión de solemnidade do recinto deportivo permaneza desfigurada pola presenza dun estercoleiro na Avenida de Navarra e o vello cárcere a escasos metros de distancia da Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade. Simple cuestión de respeto a paisaxe.
Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común.