InicioOPINIÓNÉxito de Inés Rey relativo

Éxito de Inés Rey relativo

Publicada o

Por Ricardo Vales

Dúas importantes incógnitas da política municipal coruñesa quedaban pendentes de resolver tralas eleccións do 28 de maio: a composición do novo goberno municipal e as fórmulas que se porán en práctica para solucionar as cuestións que A Coruña ten aínda pendentes, principalmente as relacionadas co urbanismo. Ambas cuestións non se refiren únicamente a matices concretos da distribución das concellalías, senón que afectan de cheo ao modelo de cidade que nos propoñen. A primeira incógnita quedou prácticamente despexada ao día seguinte das eleccións, cando Inés Rey, aferrada á consideración de que a maioría natural era do PSOE, sen máis, anticipaba que prefería gobernar en solitario, despreciando mesmo elaborar calquera programa de goberno conxunto co BNG susceptíbel de dar respostas imaxinativas ás preocupacións máis urxentes da cidade. O seu único argumento foi que A Coruña apostou por forzas progresistas, mais sen comprometerse a plantexar a posibilidade de ensaiar un goberno de coalición nucleado precisamente en torno a esa maioría de progreso que arroxaron as urnas e que, para amplos sectores sociais, parecían condición indispensábel para poder encarar con certo optimismo o futuro da cidade mudando moitas das liñas de actuación seguidas no anterior mandato.

Mais o caso é que o éxito que Inés Rey atrubúe ao seu partido debe ser relativizado se repasamos os datos da xornada electoral do 28 de maio respecto aos de 2019. Así, o PSOE contabilizou 36.188 votos, fronte aos 37.531 obtidos en 2019, isto tradúcese nun retroceso de 1.343 votos, mentres que o BNG incrementou o seu saldo electoral en 6.804, resultado dos 15.754 cuantificados en 2023 fronte aos 8.950 de 2019. A precariedade da súa maioría, isto é, 11 concellais dun máximo de 27, obrigará a Inés Rey e ao seu partido a depender do BNG ou do PP ao non contar cun seguro de vida para seu goberno. Calquera intento de sacar adiante algunha cuestión que resulte trascendental para o futuro da cidade ou dunha alternativa progresista pasa pola necesidade de asumir que eso xa non pode facerse só dende o PSOE. A ilusión tanto tempo sostida perante a campaña electoral de que era posíbel, desexábel, buscar un goberno forte capaz de mudar moitos dos vicios adquiridos en forma de ambigüedades respecto a moitos temas, abriron unha brecha insalvábel con amplos sectores sociais. Un rasgo claro desa política foi o constante incumprimento de acordos aprobados en diferentes sesións plenarias, cuxa relación sería interminábel, mais dos que val a pena lembrar algún botón de mostra como as parcelas do Campo da Estrada-Maestranza, Casa Cornide, vello cárcere, fachada marítima, así como os espazos en desuso tutelados aínda polo Ministerio de Defensa. Extremando a nota cabe decir que a iniciativa volverá a situarse no terreo directo das reivindicacións dende a rúa facendo aflorar feitos e razóns que hoxe permanecen no caixón. En resumo, unha nova lexislatura na que o PSOE debe clarificar se vai a seguir comportándose como xestor dunha clase que conservaría no esencial o seu poder e privilexios na cidade a través da especulación urbanística, facilitándolles mesmo a redacción dos planeamentos urbanísticos para a consumación dos seus proxectos, ou vai apostar pola expansión do solo público reclamando o que está en mans doutras institucións, asumindo con ilo boa parte das reivindicacións que os movementos sociais desvelaron e puxeron en primeiro plano.

Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común

ÚLTIMAS

Decretan emerxencia sanitaria en Cambre para contratar de forma urxente a limpeza en colexios

A alcaldesa de Cambre, María Pan Lesta, acaba de asinar un decreto co que...

Un estudo da UDC apela ao papel das novas tecnoloxías para garantir “transparencia” en catástrofes marítimas

Responsables do terceiro volume do Anuario de Estudos Marítimos, que edita o Instituto Universitario...

Aprobada unha moción no Concello da Coruña para revisar o convenio de 2004 sobre o futuro dos peiraos

O pleno da Coruña aprobou este xoves, por unanimidade, unha moción para a revisión...

Operación Ospyl: incautadas miles de agullas e tintas de tatuaxe de contrabando

A Garda Civil realizou unha inspección de 23 locais de tatuaxe, micropigmentación e piercing na provincia da Coruña...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here