InicioOPINIÓNO outono e os virus

O outono e os virus

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Hoxe non vos vou falar de libros nin de fotos nin de ningunha manifestación cultural, senón dun tema de rabiosa actualidade tódolos meses de setembro e outubro, que sofro nas miñas carnes mentres escribo estas verbas, e que non é outro que os virus, concretamente os virus infantís.
Estes virus incúbanse nas aulas das escolas ao comezo do curso e teñen as súas propias características que os diferenzan do resto de virus, e que paso a relatarvos con todo o meu rigor científico:

Estes virus non teñen nome. Non é que os legos na materia non o coñezamos, é que non o coñecen os propios médicos, ou polo menos non nolo queren descobrir. Unha nai ou pai acode á consulta do pediatra co seu churumbel febril e espirrante e a valoración diagnóstica máis común é “a criatura ten un virus” (no papel “proceso vírico”). Non ten covid ou gripe ou o virus sincital, ten un virus xenérico cuxo tratamento invariablemente é o consabido paracetamol alternado con ibuprofeno cada seis ou oito horas, pero de orixe e denominación misteriosas.

Outra das súas propiedades é a súa duración cambiante segundo quen o padeza sexa un neno ou un adulto. Se o doente é un neno, a enfermidade durará un máximo de tres días, se é un adulto prolongarase un mes ou toda a tempada outono inverno, variando na súa intensidade pero persistindo no organismo como unha carracha que se aferra á súa vítima.

Tamén é característico destes virus causar unha incómoda e senlleira incapacitación para o ocio pero non para o traballo. O enfermo non está ben pero tampouco está tan tan mal. Érguese ás sete da mañá, arrástrase ao traballo e sobrevive a xornada laboral a base de menciñas, pero cando chega o momento de saír a tomar algo ou ir a un concerto ou calquera tipo de cita, os padecementos retornan con toda a súa virulencia e o agotamento o encamiña ao frenadol e á camiña.

Todo isto é como vos digo, pero para rematar esta disertación cun ton menos catastrofista (aínda que o tema o merece), aquí vos deixo unhas recomendacións (o que fixen eu estes días) para apandar con estes bichiños:
Podedes desfrutar “O bico da serea”, un cómic tranquilo e ensoñador dos coruñeses Luís Yang e Uxía Larrosa; ver as dúas tempadas de “The Bear” e que vos saia o corazón pola gorxa en máis dun episodio; revisitar “Conto de outono” de Rohmer, ambientada nunha campiña francesa ceibe de virus; ou ler “Historias de pantasmas” de LeFanu ou “O hotel encantado” do meu querido Wilkie Collins, que o samaín está á volta da esquina, pero esta xa é outra historia, se cadra o vindeiro mes.

  • Beatriz Alfonso. Xurista, iogui en grao de tentativa e lectora apaixoada.

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

Arquivada a denuncia de dúas exconselleiras no PSOE por presunto acoso laboral por parte da alcaldesa da Coruña

O PSOE arquivou a denuncia que dúas exconcejalas socialistas, Esther Fontán e Eva Martínez...

Sindicatos denuncian que empresas do sector hostaleiro na Coruña ofrecen aumento de soldo se non se fai folga

Os sindicatos convocantes da folga no sector hostaleiro da Coruña --CC.OO., UXT e CIG--...

Alfaroleiros arrinca este mércores en Santa Cruz con cinco días de olería, cultura e tradición

Oleiros inaugura este mércores, 5 de agosto, a XXXII edición de Alfaroleiros, unha das...

Os Fotoxornalistas amosan na Dársena “A Galicia inédita”

Inaugurouse onte, na avenida de Montoto, fronte a Dársena a segunda edición da exposición...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here