As grandes cidades caracterízanse, polo xeral, por ter salarios máis altos que os pequenos pobos ou aldeas galegas. Semella lóxico tendo en conta que nelas o custe da vida é máis caro: alquilar un piso agora mesmo nunha cidade dispárase por riba dos 600 euros. Sen embargo, dentro das propias cidades chega a existir unha gran diferenza de ingresos en función do barrio no que nos atopemos. Sempre adoita haber barrios onde se concentra máis a xente de maior poder adquisitivo, con mellores vivendas; e barrios nos que se agrupan os traballadores de a pé ou desempregados, xeralmente situados na periferia.
Os datos de renda bruta media por barrio achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre as cidades da Coruña, Vigo e Ourense no 2022 así o demostran. E entre as principais conclusións atópase unha curiosidade que non deixa indiferente a ninguén: o barrio máis rico da Coruña supera en máis de 10.000 euros á renda bruta media do barrio máis rico de Vigo, a pesares de ser unha cidade cuns 50.000 habitantes menos. Se a comparativa se establece con Ourense, esa diferenza sobe a máis de 15.000 euros. De qué barrios falamos? Trátase do coruñés Juan Flórez-San Pablo, do vigués Vigo Centro-Areal-Teis e do ourensán Hospital Cosaga-Parque San Lázaro-Parque Alameda.
Ademais, a nivel galego, hai que ter en conta que a renda bruta media anual está case 4.000 euros por debaixo da renda nacional: 25.713 euros fronte aos 29.014. Nos maiores municipios estas cifras chegan ata os 29.457 euros de media e os 33.105 euros, respectivamente. Por detrás da renda galega só estarían as de Andalucía (24.163 euros), Canarias (24.993), Castela-A Mancha (24.448), Estremadura (21.629) e a Rexión de Murcia (25.042 euros). Ademais, no total da comunidade galega houbo o pasado ano 358.835 declarantes, dos que 92.240 estaban no tramo de menos de 6.000 euros anuais, pero entre os que tamén había 34.426 no tramo de 6.000 a 12.000 euros e 16.698 no de máis de 60.000.
JUAN FLÓREZ A AGRA DO ORZÁN: 29.000 EUROS DE DIFERENZA NUN QUILÓMETRO
Centrándonos agora en analizar as diferenzas dentro de cada unha destas cidades, na Coruña no barrio con maior renda bruta media, Juan Flórez-San Pablo (15.004), os seus habitantes (segundo os datos achegados por 8.766 declarantes) perciben uns 53.469 euros anuais, o que vén a supoñer 3.819,21 euros ao mes (se temos en conta unha división do salario anual en catorce pagas). Ademais, dos 8.766 declarantes hai 3.098 (o 35 %) que afirman estar no tramo de renda que vai dos 30.000 aos 60.000 euros; e 1.390 (o 16 %) que afirman superar os 60.000 euros.
Pola contra, no barrio de menor renda bruta media, Agra do Orzán-Ventorrillo (15.010), os 13.429 declarantes do pasado ano non tiñan unha renda superior aos 23.627 euros anuais, é dicir, non cobraban máis de 1.688 euros brutos ao mes (dividindo o salario anual en 14 pagas). Ademais, deses 13.429 declarantes, 4.261 (o 32 %) aseguraban non percibir máis de 6.000 euros anuais. Situación similar se daba no barrio dos Mallos (15.007), onde 13.856 declarantes dicían percibir unha renda bruta media anual de 24.159 euros, o que suporía 1.726 euros ao mes. Deles, 4.305 (o 31 %), estaban no tramo por debaixo dos 6.000 euros.
Así as cousas, vese que entre o barrio con maior renda bruta media anual e o barrio coa menor, a diferenza é de nada menos que 29.842 euros anuais (2.132 euros ao mes, aproximadamente). Estamos a falar de cifras alarmantes, tendo en conta que estes barrios están separados entre si por pouco máis de un quilómetro, o equivalente a un cuarto de hora andando. O Parque de Santa Margarita fai de liña divisoria entre a riqueza e a pobreza, poderíase dicir.
Os demais barrios estarían no medio destas cifras de renta: Ciudad Vieja-Centro (15.001), con 39.114 euros anuais de renda bruta media; Ensanche (15.003), con 39.740; Falperra-Santa Lucía-Paseo de Los Puentes-Santa Margarita (15.005), con 39.625; Os Castros-Castrillón (15.009), con 31.485; Os Castros-Castrillón (15.006), con 31.980; Monte Alto-Zalaeta-Atocha (15.002), con 30.299; Riazor-Os Rosales (15.011), con 29.998; Sagrada Familia-Vioño (15.008), con 28.595; e Mesoiro (15.190), con 25.615 euros de renda bruta media.
DE AREAL A VALADARES: 18.271 EUROS ENTRE VIVIR A UN LADO DA AP-9 OU OUTRO
Pola súa banda, en Vigo, como xa comentamos, o barrio con maior renda bruta, o máis rico, é Vigo Centro-Areal-Teis (36.201), cuns ingresos medios por habitante de 41.825 euros ao ano (2.987,5 euros ao mes). Ademais, dos 9.642 declarantes, 2.909 (o 30 %) atópanse no tramo que vai dos 30.000 aos 60.000 euros; e outros 1.140 (o 12 %), no que supera os 60.000 euros. Pola contra, no barrio de menor renda, Valadares zona parque tecnolóxico e loxístico (36.314), a renta bruta media sitúase únicamente nos 23.554 euros (1.682,43 ao mes, falando de 14 pagas). E dos seus 984 declarantes totais, 278 (o 28 %) atópanse no tramo de menos de 6.000 euros anuais.
Situacións similares á deste barrio de renda bruta tan baixa se atopan no de Cabral (36.318), con 23.814 euros anuais segundo declaran os seus habitantes; no de Teis (36.207), con 23.902; no de Candeán, con 24.583; no de San Paulo-Casablanca-Calvario-Lavadores (36.205), con 24.313; e no de Lavadores-Fátima (36.206), con 24.518 euros anuais de renta bruta media. Así as cousas, a diferenza entre o barrio máis rico (Vigo Centro-Areal-Teis) e o máis pobre (Valadares zona parque tecnolóxico e loxístico) vén a ser da frioleira de 18.271 euros anuais de renda bruta (uns 1.305 euros ao mes).
Neste caso, a diferencia do que acontece na cidade da Coruña, a separación entre estes barrios é bastante maior, de feito atópanse en puntas opostas da cidade. Mentres, como o seu propio nome indica, Vigo Centro está en pleno corazón da cidade, Valadares atópase complétamente ás afora, máis aló incluso do Hospital Álvaro Cunqueiro. A distancia entre ambos é duns 9 quilómetros, o que supón case 20 minutos en coche e máis de dúas horas camiñando.
Con todo, dentro dos barrios cunha renda moi baixa, similar á que presenta Valadares, atópase tamén San Paulo, que está a tan só dous quilómetros do Areal, a pouco máis de media hora andando; e Casablanca, a un quilómetro e menos de vinte minutos; así como Fátima, a 900 metros e só un cuarto de hora camiñando. O paso da AP-9 fai de división.
Outros barrios con renda bruta intermedia en Vigo serían Oia (36.390), cuxos declarantes afirmaron percibir 37.508 euros de media ao ano; Casco Vello (36202), con 30.481 euros; O Castro (36.203), con 34.597; Travesas-Praza da Independencia-Camelia-Pi y Margall (36.211), con 31.904; Bouzas-Coia (36.208), con 31.405; Alcabre-Navia (36.212), con 29.952; Coia (36.209), con 26.187; San Xosé Obreiro-Sárdoma-Casablanca-Calvario (36.204), con 29.272; Coia-Freixeiro (36.210), con 26.118; Comesaña-Matamá (36.213), con 26.849; Coruxo (36.330), con 25.485; Valadares-A Piquela-Alba-San Juan-Sobreira (36.315), con 25.080; Beade (36.312), con 25.944; e Bembrive (36.313), con 26.586 euros de renda bruta media anual.
DE HOSPITAL COSAGA AOS COIÑAS: 15.000 EUROS A MENOS DE MEDIA HORA
Xa na cidade de Ourense, as diferenzas con respecto ás outras dúas grandes urbes galegas fanse moi notables. O barrio con maior renda bruta media anual é o Hospital Cosaga-Parque San Lázaro-Parque Alameda (32.003), con 38.270 euros, segundo os datos aportados no 2022 polos seus 6.285 declarantes. Deles, 2.029 (o 32 %), atopábanse no tramo de 30.000 a 60.000 euros de renda; mentres que 627 (o 10 %), atopábase no de máis de 60.000. Pola contra, o barrio con menor renda bruta media, Os Coiñas-Villanera-Cachaxuas-Seoane-Requeixo-Quintela-Outariz (32.001), sitúase en tan só 23.314 euros anuais. E dos seus 13.525 declarantes, 4.102 (o 30 %) atópanse por debaixo dos 6.000 euros anuais.
Deste xeito, as diferenzas entre o barrio máis rico e o máis pobre de Ourense son duns 14.956 euros de renda bruta media anual, sendo menos acusada a diferenza que a que hai entre os barrios máis pobres e máis ricos da Coruña ou Vigo. E a distancia que separa os barrios de Hospital Cosaga e Os Coiñas é únicamente de dous quilómetros, percorréndoa nuns trinta minutos a pé. A separación entre ambos vén a ser o río Miño, que divide a cidade de Ourense en dúas partes unidas, neste caso, pola ponte romana.
Os demais barrios atópanse xa no medio de ambas rendas brutas medias: o de Carroleiro-Ceboliño-Botánico de Montealegre-San Francisco (32.004) tiña o pasado ano unha renda bruta media de 30.325 euros anuais; o de Catedral-Barrocás-Ponte Romano (32.005), de 24.695; e o de A Garduñeira-A Gauxa-A Fonte-A Valenza-Barbadás (32.002), de 24.948 euros anuais.