InicioECONOMÍAEntre o barrio máis rico e o máis pobre da Coruña só...

Entre o barrio máis rico e o máis pobre da Coruña só se interpón o parque de Santa Margarita

Publicada o

Por Ángela Precedo

As grandes cidades caracterízanse, polo xeral, por ter salarios máis altos que os pequenos pobos ou aldeas galegas. Semella lóxico tendo en conta que nelas o custe da vida é máis caro: alquilar un piso agora mesmo nunha cidade dispárase por riba dos 600 euros. Sen embargo, dentro das propias cidades chega a existir unha gran diferenza de ingresos en función do barrio no que nos atopemos. Sempre adoita haber barrios onde se concentra máis a xente de maior poder adquisitivo, con mellores vivendas; e barrios nos que se agrupan os traballadores de a pé ou desempregados, xeralmente situados na periferia.

Os datos de renda bruta media por barrio achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre as cidades da Coruña, Vigo e Ourense no 2022 así o demostran. E entre as principais conclusións atópase unha curiosidade que non deixa indiferente a ninguén: o barrio máis rico da Coruña supera en máis de 10.000 euros á renda bruta media do barrio máis rico de Vigo, a pesares de ser unha cidade cuns 50.000 habitantes menos. Se a comparativa se establece con Ourense, esa diferenza sobe a máis de 15.000 euros. De qué barrios falamos? Trátase do coruñés Juan Flórez-San Pablo, do vigués Vigo Centro-Areal-Teis e do ourensán Hospital Cosaga-Parque San Lázaro-Parque Alameda.

Ademais, a nivel galego, hai que ter en conta que a renda bruta media anual está case 4.000 euros por debaixo da renda nacional: 25.713 euros fronte aos 29.014. Nos maiores municipios estas cifras chegan ata os 29.457 euros de media e os 33.105 euros, respectivamente. Por detrás da renda galega só estarían as de Andalucía (24.163 euros), Canarias (24.993), Castela-A Mancha (24.448), Estremadura (21.629) e a Rexión de Murcia (25.042 euros). Ademais, no total da comunidade galega houbo o pasado ano 358.835 declarantes, dos que 92.240 estaban no tramo de menos de 6.000 euros anuais, pero entre os que tamén había 34.426 no tramo de 6.000 a 12.000 euros e 16.698 no de máis de 60.000.

JUAN FLÓREZ A AGRA DO ORZÁN: 29.000 EUROS DE DIFERENZA NUN QUILÓMETRO

Centrándonos agora en analizar as diferenzas dentro de cada unha destas cidades, na Coruña no barrio con maior renda bruta media, Juan Flórez-San Pablo (15.004), os seus habitantes (segundo os datos achegados por 8.766 declarantes) perciben uns 53.469 euros anuais, o que vén a supoñer 3.819,21 euros ao mes (se temos en conta unha división do salario anual en catorce pagas). Ademais, dos 8.766 declarantes hai 3.098 (o 35 %) que afirman estar no tramo de renda que vai dos 30.000 aos 60.000 euros; e 1.390 (o 16 %) que afirman superar os 60.000 euros.

Pola contra, no barrio de menor renda bruta media, Agra do Orzán-Ventorrillo (15.010), os 13.429 declarantes do pasado ano non tiñan unha renda superior aos 23.627 euros anuais, é dicir, non cobraban máis de 1.688 euros brutos ao mes (dividindo o salario anual en 14 pagas). Ademais, deses 13.429 declarantes, 4.261 (o 32 %) aseguraban non percibir máis de 6.000 euros anuais. Situación similar se daba no barrio dos Mallos (15.007), onde 13.856 declarantes dicían percibir unha renda bruta media anual de 24.159 euros, o que suporía 1.726 euros ao mes. Deles, 4.305 (o 31 %), estaban no tramo por debaixo dos 6.000 euros.

Así as cousas, vese que entre o barrio con maior renda bruta media anual e o barrio coa menor, a diferenza é de nada menos que 29.842 euros anuais (2.132 euros ao mes, aproximadamente). Estamos a falar de cifras alarmantes, tendo en conta que estes barrios están separados entre si por pouco máis de un quilómetro, o equivalente a un cuarto de hora andando. O Parque de Santa Margarita fai de liña divisoria entre a riqueza e a pobreza, poderíase dicir.

Os demais barrios estarían no medio destas cifras de renta: Ciudad Vieja-Centro (15.001), con 39.114 euros anuais de renda bruta media; Ensanche (15.003), con 39.740; Falperra-Santa Lucía-Paseo de Los Puentes-Santa Margarita (15.005), con 39.625; Os Castros-Castrillón (15.009), con 31.485; Os Castros-Castrillón (15.006), con 31.980; Monte Alto-Zalaeta-Atocha (15.002), con 30.299; Riazor-Os Rosales (15.011), con 29.998; Sagrada Familia-Vioño (15.008), con 28.595; e Mesoiro (15.190), con 25.615 euros de renda bruta media.

DE AREAL A VALADARES: 18.271 EUROS ENTRE VIVIR A UN LADO DA AP-9 OU OUTRO

Pola súa banda, en Vigo, como xa comentamos, o barrio con maior renda bruta, o máis rico, é Vigo Centro-Areal-Teis (36.201), cuns ingresos medios por habitante de 41.825 euros ao ano (2.987,5 euros ao mes). Ademais, dos 9.642 declarantes, 2.909 (o 30 %) atópanse no tramo que vai dos 30.000 aos 60.000 euros; e outros 1.140 (o 12 %), no que supera os 60.000 euros. Pola contra, no barrio de menor renda, Valadares zona parque tecnolóxico e loxístico (36.314), a renta bruta media sitúase únicamente nos 23.554 euros (1.682,43 ao mes, falando de 14 pagas). E dos seus 984 declarantes totais, 278 (o 28 %) atópanse no tramo de menos de 6.000 euros anuais.

Situacións similares á deste barrio de renda bruta tan baixa se atopan no de Cabral (36.318), con 23.814 euros anuais segundo declaran os seus habitantes; no de Teis (36.207), con 23.902; no de Candeán, con 24.583; no de San Paulo-Casablanca-Calvario-Lavadores (36.205), con 24.313; e no de Lavadores-Fátima (36.206), con 24.518 euros anuais de renta bruta media. Así as cousas, a diferenza entre o barrio máis rico (Vigo Centro-Areal-Teis) e o máis pobre (Valadares zona parque tecnolóxico e loxístico) vén a ser da frioleira de 18.271 euros anuais de renda bruta (uns 1.305 euros ao mes).

Neste caso, a diferencia do que acontece na cidade da Coruña, a separación entre estes barrios é bastante maior, de feito atópanse en puntas opostas da cidade. Mentres, como o seu propio nome indica, Vigo Centro está en pleno corazón da cidade, Valadares atópase complétamente ás afora, máis aló incluso do Hospital Álvaro Cunqueiro. A distancia entre ambos é duns 9 quilómetros, o que supón case 20 minutos en coche e máis de dúas horas camiñando.

Con todo, dentro dos barrios cunha renda moi baixa, similar á que presenta Valadares, atópase tamén San Paulo, que está a tan só dous quilómetros do Areal, a pouco máis de media hora andando; e Casablanca, a un quilómetro e menos de vinte minutos; así como Fátima, a 900 metros e só un cuarto de hora camiñando. O paso da AP-9 fai de división.

Outros barrios con renda bruta intermedia en Vigo serían Oia (36.390), cuxos declarantes afirmaron percibir 37.508 euros de media ao ano; Casco Vello (36202), con 30.481 euros; O Castro (36.203), con 34.597; Travesas-Praza da Independencia-Camelia-Pi y Margall (36.211), con 31.904; Bouzas-Coia (36.208), con 31.405; Alcabre-Navia (36.212), con 29.952; Coia (36.209), con 26.187; San Xosé Obreiro-Sárdoma-Casablanca-Calvario (36.204), con 29.272; Coia-Freixeiro (36.210), con 26.118; Comesaña-Matamá (36.213), con 26.849; Coruxo (36.330), con 25.485; Valadares-A Piquela-Alba-San Juan-Sobreira (36.315), con 25.080; Beade (36.312), con 25.944; e Bembrive (36.313), con 26.586 euros de renda bruta media anual.

DE HOSPITAL COSAGA AOS COIÑAS: 15.000 EUROS A MENOS DE MEDIA HORA

Xa na cidade de Ourense, as diferenzas con respecto ás outras dúas grandes urbes galegas fanse moi notables. O barrio con maior renda bruta media anual é o Hospital Cosaga-Parque San Lázaro-Parque Alameda (32.003), con 38.270 euros, segundo os datos aportados no 2022 polos seus 6.285 declarantes. Deles, 2.029 (o 32 %), atopábanse no tramo de 30.000 a 60.000 euros de renda; mentres que 627 (o 10 %), atopábase no de máis de 60.000. Pola contra, o barrio con menor renda bruta media, Os Coiñas-Villanera-Cachaxuas-Seoane-Requeixo-Quintela-Outariz (32.001), sitúase en tan só 23.314 euros anuais. E dos seus 13.525 declarantes, 4.102 (o 30 %) atópanse por debaixo dos 6.000 euros anuais.

Deste xeito, as diferenzas entre o barrio máis rico e o máis pobre de Ourense son duns 14.956 euros de renda bruta media anual, sendo menos acusada a diferenza que a que hai entre os barrios máis pobres e máis ricos da Coruña ou Vigo. E a distancia que separa os barrios de Hospital Cosaga e Os Coiñas é únicamente de dous quilómetros, percorréndoa nuns trinta minutos a pé. A separación entre ambos vén a ser o río Miño, que divide a cidade de Ourense en dúas partes unidas, neste caso, pola ponte romana.

Os demais barrios atópanse xa no medio de ambas rendas brutas medias: o de Carroleiro-Ceboliño-Botánico de Montealegre-San Francisco (32.004) tiña o pasado ano unha renda bruta media de 30.325 euros anuais; o de Catedral-Barrocás-Ponte Romano (32.005), de 24.695; e o de A Garduñeira-A Gauxa-A Fonte-A Valenza-Barbadás (32.002), de 24.948 euros anuais.

ÚLTIMAS

Milleiros de persoas maniféstanse na Coruña en demanda de “mellores salarios” e “traballo digno”

Miles de persoas saíron ás rúas en distintas localidades galegas nas manifestacións convocadas polas organizacións...

Somnia, un thriller en galego feito polas novas xeracións do audiovisual coruñés

”Somnia” fala obsesión, de perder o norte cando a vida non é a que...

Amancio Ortega cobra a metade dos beneficios de Inditex, 1.422,5 millóns

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este xoves, 2 de maio,...

A Filmoteca de Galicia inicia maio cunha retrospectiva sobre o cineasta xaponés Yasujiro Ozu na Coruña

A Filmoteca de Galicia iniciará a súa programación do mes de maio na sala José...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here