InicioSOCIEDADEConstituído o consello reitor da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

Constituído o consello reitor da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

Publicada o

Por Ángela Precedo

Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, pertencente ao Ministerio de Transformación Dixital, anunciou os integrantes do consello reitor da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), con sede na Coruña, aínda que aínda non se designou á persoa que dirixirá o organismo.

O consello reitor da Aesia está integrado, segundo os seus estatutos, polo titular da dirección da axencia, catro representantes do Ministerio de Transformación Dixital, outro do Ministerio de Facenda e Función Pública, outro da carteira de Industria, Comercio e Turismo e unha “persoa experta, en representación do ecosistema, no ámbito da intelixencia artificial”.

Nese contexto, o consello reitor da Aesia estará composto por Agustina Piedrabuena (vogal asesor do Ministerio de Transformación Dixital); Aleida Alcaide (subdirectora de Coordinación e Seguimento de Fondos Europeos da Subsecretaría de Transformación Dixital); Carlos Ruiz de Toledo (subdirector xeral de Axudas da Secretaría de Estado de Dixitalización de Intelixencia Artificial) e Carlos Escudero Rivas (xerente de Informática da Seguridade Social do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións).

A eles súmanse María Carmen García (subdirectora xeral de Estatística de Servizos do Ministerio de Facenda e Función Pública) e María Jesús García (subdirectora xeral de Dixitalización da Industria e Contornas Colaborativas do Ministerio de Industria e Turismo). Ademais, o consello asesor de Intelixencia Artificial e a Comisión Permanente de Dixitalización da Economía, a Administración e a Cidadanía do Ministerio de Transformación Dixital seleccionaron a Nuria Oliver para ocupar a vocalía correspondente ao ecosistema de intelixencia artificial en España.

“Oliver é enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Massachusetts cunha dilatada traxectoria no sector que a converteu nunha recoñecida experta a nivel internacional. É cofundadora e actual directora da Fundación Ellis, unha institución promotora do desenvolvemento tecnolóxico ético e humanista”, explicou Transformación Dixital nun comunicado. En canto ás funcións do consello reitor da Aesia, os estatutos da axencia definen que as súas tarefas son supervisar, facer seguimento e controlar a actuación da entidade para conseguir os seus obxectivos.

Nese sentido, o consello reitor tamén debe realizar o nomeamento da persoa titular da dirección da Aesia, a proposta da presidencia da entidade, composta pola secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carmen Artigas, e o Ministro de Transformación Dixital, José Luís Escrivá.

“O consello reitor reunirase nas próximas semanas para determinar os requisitos e procedemento de elección e nomeamento da persoa titular da axencia. Unha vez mantido o encontro e alcanzado o acordo, procederase á publicación dos devanditos criterios e comezará o proceso aberto de presentación de candidaturas para ocupar a titularidade da axencia”, explicou o Executivo. O Goberno subliñou que coa creación desta axencia España convértese no “primeiro país europeo” en ter un órgano destas características e anticípase á entrada en vigor do Regulamento Europeo de IA, “que se prevé aprobar esta mesma semana”.

ÚLTIMAS

A Coruña, a unha finde do soño dos ascensos

Levamos semanas repasando o soño que vive o deporte coruñés co gran papel que...

O exalcalde Paco Vázquez únese a un manifesto que pide non votar ao PSC nas catalás do domingo

O exalcalde da Coruña e exembaixador no Vaticano, Francisco Vázquez, e o exministro do...

Transportes adxudica por case un millón a mellora de accesos ao porto exterior da Coruña

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable adxudicou por 973.011 euros (IVE incluído) a...

Inés Rey anuncia que realizará 305 contratos en 2024 por valor e 518 millóns

O Concello da Coruña deu luz verde, na Xunta do Goberno local, ao Plan...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here