Se o pasado domingo era Xurxo Souto o que rescataba a Lenda do Amaro, este sábado 20 de xaneiro tócalle á compañía de teatro Noite Bohemia continuar coa #Amaromanía. A “compañía de rúa” de Monte Alto presenta ás 19:00h no Club do Mar a súa obra sobre o Santo Amaro.
Xa fixeron a estrea para o CEIP Curros Enríquez, e gustou moito. Pero esta será a estrea oficial, ante as familias, ante a xente do seu barrio, como explicaban onte na presentación da proposta teatral “A lenda de Santo Amaro” na AC Alexandre Bóveda. Unha cita absolutamente chea, na que tanto Xurxo como Javier Mariño, director da compañía, que serviu para repasar a lenda dese Amaro que chegou á Illa do Paraís, e onde se definiron as chaves dun proxecto que nace directamente da cabeciña privilexiada de Xurxo, e dunhas conversas que tiveron ambos durante unha viaxe a Grecia.
”A cidade da Coruña vive un pouquiño de costas a Santo Amaro”, recoñece Mariño. “Temos a praia, o cemiterio, unha rúa, unha fonte esquecida…… pero se lle preguntades á meirande parte dos e das coruñeses, non saberían quen é o Santo Amaro, o santo que non é santo. Igual que temos figuras no rueiro que coñecemos ben, non é así co Santo Amaro, a pesar da documentación que existe sobre el. Así que nos formulamos como podemos axudar a darlle un pouquiño de luz a esta figura? e queremos facelo con este espectñaculo integral, esta mestura de danza, música e dramaturxia que imos presentar no Club do Mar este sábado”, invita Mariño.
”Eu dirixo a obra de teatro, pero o que fago basicamente é poñer orde e forma a todo o que leva Xurxo barruntando ao lonfo destes anos”, recoñece. Agradece o compromiso das novas actrices Mariña Castro, Olaia Castro, Navia Pérez, Icía Souto, Manuela Souto, Laura Bello, Soraya Bello, Adrian López, Xiana Souto, Adrián Jiménez, Iria Arcos e Eric Ruzo, así como a participación de Laura Bello na dramaturixa e Xurxo na idea, documentación e na música.
Espectacular queda ese mar callado que atravesa o Amaro Navegante para chegar á Illa do Paraíso, “onde un segundo é unha eternidade”…
Quedamos pendente a Amaromaría doutro proxecto fermoso: a banda herculina Bestas, de Pablo Canosa, está preparando unha versión punki da cantiga tradicional que as pequenas actrices e cantarareiras tocan na obra.
Máis novas
Xurxo Souto rescata a Romaría do Santo Amaro, a festa dos emigrantes galeg@s
O mar de Santo Amaro: un nome inseparablemente unido a Monte Alto