InicioOPINIÓNO Picho, a auga sagrada da Fonte de Santo Amaro

O Picho, a auga sagrada da Fonte de Santo Amaro

Publicada o

Por Xurxo Souto

Dende neno sempre me chamou atención esta humilde construción, pedras de granito ben labrado, no alto da costa, ao pé do camiño de retorno da praia. Tamén a devoción que a veciñanza sentía pola auga do Picho. 

“No potable”, mesmo cando lle colocaron ese triste letreiro, moitas persoas seguían acudindo coas garrafas na procura da súa auga.

Anos despois descubrín o porqué de tal devoción. O Picho era unha fonte sagrada. Ao seu carón erguíase a antiga capela de Santo Amaro. Até comezos do século XX estivo en pé. O primeiro domingo de setembro celebrábase aquí unha gran romaría na honra deste santo. Mesmo desaparecida a capela, a romaría continuou. Falo das famosas -ao mellor ti tamén estiveches nelas- “merendiñas da Torre”. 

Foto Historica de San Amaro
Foto Historica de San Amaro

Tan querida é dende sempre a auga do Picho que mesmo serviu para lle dar nome a unha rúa, tal como pode lerse hoxe na súa placa:  Calle/rúa Fuente de San Amaro” (sic). 

Nos anos oitenta, sen explicación ningunha, o Concello clausurou o Picho.  Como se puido ocultar tanta e tan fermosa historia! Pero ninguén no barrio o esqueceu. Por iso este sábado ás doce, a Asociación Veciñal Atochas Monte-Alto vai colocar un letreiro no lugar preciso onde brotaba (e segue a brotar debaixo do cemento) a súa auga. 

Acude a esta homenaxe. Alén de fermoso, vai ser un acto especialmente didáctico. Porque, segundo algúns, a día de hoxe é imposíbel ubicar a situación orixinal da fonte.  

Tal é a conclusión do informe arqueolóxico que acompaña a un gran proxecto de urbanización. Coa primavera comezarán as obras: A construción de 260 vivendas (29 torres de seis andares, algunha de nove).  no pouco que queda da Agra de Santo Amaro. 

Si, leu ben. 29 nove torres, enriba da praia, na propia contorna da Torre de Hércules.  A especulación máis salvaxe continúa a campar na cidade da Coruña. 

Como que é imposíbel situar a antiga Fonte do Picho! Se non o conseguen co xeo-radar, existe unha alternativa mellor e moito máis sinxela: abonda con falar con calquera persoa de idade da zona. Ou acudir, este sábado, á colocación do letreiro. 

Como acontece coa propia lenda de Amaro, o santo navegante que atopou a illa do Paraíso, todo o que ten que ver co intento de urbanización desta agra, ten un aquel de fantástico e irracional. Velaí outro informe, esta vez da Xunta. Segundo os técnicos que o asinan, a construción das 29 torres  non vai alterar a visión do mar. Falamos entón de cemento transparente? Outra boa mostra de literatura fantástica, mais esta vez con selo de documento oficial. 

O informe arqueolóxico tamén se ocupa, por suposto, da antiga capela de Santo Amaro: Tampouco a sabe situar. Mais recolle unha cita na que se indica que estaba nas proximidades da fonte. Se atopamos o Picho, teremos moitas posibilidades de encontrar tamén os alicerces da ermida. Ou sexa, uns restos arqueolóxicos que impedirían o desenvolvemento deste proxecto megalómano, verdadeiro pelotazo urbanístico (como ve, os tópicos dos días da especulación salvaxe volven ser acaídos). E obrigarían a definir unha nova proposta que poña en valor a Agra de Santo Amaro. Un proxecto no que a marabillosa tradición simbólica do lugar sexa máis importante que o negocio millonario dos propietarios deses terreos, recualificados, por certo, poucos días antes de que a Torre fose declarada patrimonio da Humanidade. 

Medre a Agra de Santo Amaro. Volvamos a celebrar a beleza na contorna no Campo das Merendiñas. Que obre un novo milagre (coa nosa axuda) a auga santa da fonte do Picho!

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

Novas relacionadas

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

ÚLTIMAS

Kirk deixa na Coruña árbores caídas, moita chuvia e caos no transporte

O exfuracán Kirk, xa convertido en borrasca, deixa en Galicia nas primeiras horas deste...

A Coruña, en aviso amarelo este xoves por ondas de ata 5 metros

Os fenómenos costeiros, con ondas de ata cinco metros, porán este xoves en aviso...

A alcaldesa da Coruña reclama para a cidade o ‘papel líder’ na inauguración da mostra ‘Pensamento de Cidade’

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, reivindicou o "papel líder" da urbe coruñesa na...

Un incendio de “moita intensidade” que afecta a un taller en Cambre mobiliza os bombeiros de Arteixo, A Coruña e Betanzos

Bombeiros desprazáronse este mércores ao polígono do Amorne, no municipio coruñés de Cambre, para...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here