InicioBARRIOSA Escola da Bici arranca os seus cursos do ano 2024

A Escola da Bici arranca os seus cursos do ano 2024

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

A Escola da Bici volve poñerse activa. Esta iniciativa impulsada por Mobi-liza (asociación por unha mobilidade responsable e sostible) para aprender a andar en bici e a circular pola cidade de forma segura, vén de anunciar os seus primeiros cursos para o ano 2024.

Falamos dun servizo absolutamente necesario que ten que ir paralelo ao continuo avance do carril bici e do fantástico servizo de BiciCoruña. Así, o ano pasado foron 312 as persoas (160 adultas e 152 nenos e nenas) que acodiron aos 57 cursos realizados pola entidade.

Dende a entidade seguen percibindo que nos cursos dirixidos a persoas adultas, “a meirande parte do alumnado son mulleres, o que responde a unha desigualdade no acceso á bicicleta que grazas aos nosos cursos podemos ir contribuíndo a que se minimice e, mesmo, se erradique”. Nese sentido, comentan que no caso de persoas de máis de 55-60 anos é moi evidente que non tiveron ocasión de aprender durante a súa infancia mentres que os seus iguais varóns si tiveron bicicleta.

Novos horarios por niveis

Para persoas adultas cóntase cun total de 4 cursos de niveis diferenciados durante o mes de febreiro, tratándose dos seguintes:

  • Nivel 1 – Iniciación, dirixido a persoas que non saben andar en bici e desexan aprender. Este será luns 5, martes 6 e mércores 7, de 16:30 a 18:30. Segundo o seu presidente, Alejandro Voces, “este nivel marca un antes e un despois na vida das persoas que pasan por el, xa que en cuestión de días contan cunha ferramentas da que anteriormente non dispoñían: o poder andar en bici!”
  • Nivel 2.1 – Habilidades (básico), dirixido a persoas que saben andar en bici pero precisan gañar unha serie de destrezas e habilidades para ter un maior dominio da bici. Este será venres 16 de 16:30 a 18:30, sábado 17 e domingo 18 de 12:00 a 14:00
  • Nivel 3 – circulación, dirixido a persoas que teñen dominio da bicicleta pero precisan unha serie de nocións para circular de forma segura pola cidade. Este será Luns 19, martes 20 e mércores 21, de 16:00 a 18:00
  • Nivel 2.2 – habilidades (avanzado), dirixido a persoas que saben andar en bici pero precisan gañar unha serie de destrezas e habilidades para ter un maior dominio da bici (sendo un curso máis avanzado que o 2.1 – habilidades). Este será Luns 26, martes 27 e mércores 28, de 16:00 a 18:00. Explican dende a entidade que este curso foi recentemente creado xa que “percibíamos que moitas das nosas alumnas e alumnos superaban con creces o nivel 2 (habilidades) pero lles daba respecto adentrarse no de circulación, polo que decidimos crear un paso intermedio que afonde en destrezas máis avanzadas”.

Poden poñerse en contacto en aescoladabici@gmail.com.

Multas

Ante a recente información ao respecto do número de multas interpostas a persoas usuarias da bicicleta na cidade (que ascendeu a 78 no ano 2023), entenden dende a asociación que estes cursos son unha das principais ferramentas para erradicar estas condutas sancionables. “Nos nosos cursos non só aprendes a pedalear e a manexar a bicicleta con destreza, senón que tamén realizamos unha labor importante de concienciación e formación ao respecto da normativa de circulación”. Neste sentido, indican que, segundo o nivel, introducen contidos teóricos que van dende os viarios e espazos polos que se pode circular en bicicleta ata as casuísticas que determinan a obrigatoriedade de determinados elementos de seguridade (como, por exemplo, luces, casco ou prenda reflectante) pasando por outras referidas a como actuar ante un paso de peóns ou un paso ciclista.

Máis novas a dúas rodas

O Taller Reciclos, o paraíso social para os amantes das dúas rodas

A Escola da Bici de Mobiliza ou como perder o medo a circular pola cidade

ÚLTIMAS

Investigan a aparición dun cadáver nun camión do lixo na planta de reciclaxe na Coruña

A Policía Nacional abriu unha investigación pola aparición dun cadáver nun colector na planta de reciclaxe de...

O servizo de Teleasistencia da Cruz Vermella coida máis de 2.200 maiores na Coruña

Recibía esta mañá a sede da Cruz Vermella da Coruña, a visita institucional comandada...

A Coruña acolle o acto ‘As elixidas’ con líderes locais de Cabo Verde, Mozambique ou Brasil

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este martes o acto de apertura do...

A Coruña rende homenaxe aos Mártires de Brens

Norberto Recamán Lago, Florentino Canosa Barreiro, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here